O proxecto "Escritores, comunidade e recoñecemento nas literaturas periféricas peninsulares, 1972-2022" (ESCORE), PID2021-127226NB-I00, estuda a función social que a literatura cumpre na actualidade no ámbito das culturas hispánicas periféricas con lingua propia, e faino investigando o lugar que ocupan determinados escritores no imaxinario colectivo e trazando a conmemoración como síntoma desta dinámica cultural.

"Du colloque à l’exposition rétrospective, du catalogue à l’édition exhumatrice, l’anniversaire est devenu la pierre d’angle de tout programme intellectuel", Pierre Nora

Procuramos estabelecer e comparar a partir de que presupostos e con que expectativas (e consecuencias) os lectores, a sociedade e as administracións invisten no recordo, na monumentalización e na conmemoración da memoria literaria, así como de que forma (e novamente con que consecuencias) uns escritores e non outros acaban sendo considerados representativos da súa literatura ou do seu territorio e susceptíbeis de seren celebrados ou exportados como elementos de interese e de modernidade.
Estudaremos, en suma, como e con que efectos, a literatura do século XXI continúa a ser un elemento constitutivo das identidades colectivas na península.

Obxectivos e ámbito

Este proxecto céntrase no estudo de tres literaturas periféricas peninsulares con lingua propia (catalá, galega e vasca) e circunscríbese a un marco temporal concreto: os últimos cincuenta anos, desde a Transición até os nosos días, período no cal estas comunidades tiveron a capacidade de intervir administrativa e politicamente na configuración do seu sistema cultural.

O proxecto ESCORE parte da hipótese de que nestas comunidades a literatura, para alén da súa función estética e despois de ter perdido a hexemonía cultural que tivo noutros tempos, continúa a desempeñar unha función importante na xestión das identidades de grupo e, por tanto, un certo papel colectivo e político. A literatura, alén da súa función estética, ten unha función social na construción de identidades que debe ser estudada nos seus mecanismos e nas súas consecuencias, e que ten a ver coa forma como as sociedades se explican a si propias culturalmente. A literatura continúa a ser central naqueles sistemas –como os das literaturas periféricas peninsulares– que non “consumaron” o seu percorrido nacional. A partir desta dobre hipótese, o noso proxecto propón unha derivada que a desenvolve e amplía: as dinámicas de simbolización literaria colectiva acaban por incluír o externo, o estranxeiro ou o internacional (o outro, o heteroxéneo), ben nun sentido de comparación e imitación, ou ben pola consideración como propios de escritores doutras tradicións relacionados coa nacional.

O proxecto ESCORE investiga estas cuestións nas tres literaturas peninsulares periféricas con lingua propia cooficial (a catalá, a galega e a vasca) co convencemento de que ser consciente dos mecanismos colectivos de simbolización e conmemoración é un paso importante para a creación de sociedades que, sen perder a súa cohesión, se amosen á vez inclusivas doutras tradicións. Para isto  o proxecto estableceu as súas liñas de traballo arredor dos seguintes tres eixos: 

  • A representatividade colectiva atribuída aos escritores e ao literario
  • Estudos de caso sobre o impacto dos centenarios e conmemoracións e das estratexias institucionais de difusión
  • Dinámicas endóxenas e esóxenas de institucionalización literaria (sistemas nacionais, peninsular e internacional)