Benvido á Universidade Pompeu Fabra

Ciutadella CampusConvidámolo a que nos coñeza brevemente nesta páxina e a que consulte a versión completa do noso web en inglés, español ou catalán se  desexa coñecer máis a fondo a nosa Universidade. Desexamos que a información que lle ofrecemos a continuación lle sesa útil para o coñecemento da nosa institución.  

A Universidade Pompeu Fabra  

A Universidade Pompeu Fabra (UPF) foi creada en 1990 na cidade mediterránea de Barcelona (España). É unha institución pública. Os seus obxectivos son a formación superior de grao e posgrao e a investigación. A UPF caracterízase pola súa modernidade, a súa excelencia, a súa calidade e o seu prestixio, e todos os seus indicadores convertérona nunha universidade de referencia no sistema universitario español.

A comunidade universitaria da UPF está constituída por 10.000 estudantes, 1.400 profesores e 600 traballadores de administración e servizos. O campus da UPF sitúase no centro de Barcelona.  

Docencia e investigación  

PRBB buildingA actividade docente e investigadora da UPF céntrase nos seguintes ámbitos de coñecemento:  

  • Ciencias experimentais e da saúde  
  • Ciencias políticas e sociais  
  • Dereito  
  • Economía e empresa  
  • Humanidades  
  • Comunicación  
  • Tecnoloxías da información e as comunicacións  
  • Tradución e filoloxía  

A UPF conta cunha extensa oferta de estudos de grao e de posgrao (máster e doutoramento), que se imparten en catalán, en español e/ou en inglés. A UPF xa implantou o modelo docente do Espazo Europeo de Educación Superior nos seus estudos de grao (4 anos) e á totalidade dos seus programas de máster (1 ou 2 anos) e de doutoramento (1 ano + 3 anos para presentar a tese de doutoramento).  

En canto á investigación, a UPF pon ao servizo das empresas e institucións un equipo multidisciplinar, formado por un milleiro de investigadores altamente cualificados. A UPF lidera tres proxectos capitais de investigación: o Parque de Investigación Biomédica de Barcelona, o Parque Barcelona Media e o Parque de Investigación UPF - Ciencias Sociais e Humanidades, que son grandes infraestruturas de formación, investigación e produción nos ámbitos da biomedicina, da comunicación e a tecnoloxía e das ciencias sociais, respectivamente.  

Vocación europea e internacional  

Jaume I buildingA mobilidade dos estudantes da UPF e a mobilidade de estudantes internacionais á UPF a e desde universidades prestixiosas do mundo, os convenios de colaboración con máis de trescentas universidades de todo o mundo, a incorporación de profesorado e de investigadores internacionais de primeiro nivel e a participación activa en proxectos, redes e asociacións internacionais son exemplos da vocación internacional da nosa universidade.  

Rendemento e inserción laboral  

As altas taxas de rendemento académico e de inserción laboral sitúan a UPF nunha posición privilexiada en relación ao resto de universidades públicas do sistema universitario español. 

Innovación tecnolóxica  

A mellora da calidade a través das novas tecnoloxías é un dos grandes retos da Universidade Pompeu Fabra. Actualmente a UPF é unha das principais universidades de España en desenvolvemento e aplicación das novas tecnoloxías da información e a comunicación, tanto na contorna académica coma na administrativo.  

Multilingüismo  

A UPF é unha universidade multilingüe. Na UPF conviven o catalán -lingua propia e oficial da Universidade-, o castelán -cooficial- e o inglés. Estas tres linguas son as linguas de comunicación e de traballo académico por excelencia.  

Servizos de apoio ao estudante internacional  

Entre os servizos personalizados que a UPF ofrece ao estudante internacional pódese salientar a Oficina de Mobilidade e Acollida. Esta oficina proporciona axuda sobre cuestións académicas, prácticas e legais a todos os estudantes que chegan á UPF procedentes de universidades estranxeiras. Outros servizos para os estudantes internacionais son: residencias universitarias, cursos gratuítos de catalán e español, o programa de idiomas (inglés, francés, alemán, árabe, chinés, xaponés...), o programa de voluntariado (intercambio) lingüístico, e o Programa de Estudos Hispánicos e Europeos.

UPF Website