Os
principios programáticos nas televisións autonómicas coma garantes da lingua e
cultura nacionais. O caso da Televisión de Galicia
Marta Pérez Pereiro, Xosé López
García
Sección de Comunicación. Consello
da Cultura Galega
A Sección de Comunicación do Consello da Cultura
Galega ten entre os seus principais cometidos o estudo e análise dos principais
fenómenos comunicativos de Galicia. Entre todos eles, a implantación dun
sistema de medios propio é un dos temas preferentes. Neste sentido, nos últimos
anos vense desenvolvendo o proxecto de creación dunha aproximación á historia
do medio televisivo en Galicia, do que están tirados boa parte dos datos que se
manexan nesta comunicación. A celebración de grupos de discusión de expertos e
testemuños directos no proceso de creación dos medios audiovisuais galegos
tamén supuxo unha fonte importante de información para a elaboración deste
traballo.
A Televisión de Galicia iniciou as súas emisións no
mes de xullo de 1985 coma canle autonómica, para cubrir o baleiro dunha
programación feita integramente en galego e con temas propios do país. Galicia
tiña, desde o ano 1974 unha programación producida no Centro Territorial, aínda
que moi breve. En concreto, o programa Panorama
de Galicia, aínda en antena, supuxo o inicio dos contidos televisivos
galegos que, antes diso, eran esporádicos e estaban suxeitos a actos oficiais
como vistas do xeneral Franco ou as celebracións das festas do Apóstolo en
Santiago.
A Televisión
de Galicia nace porén coa intención de se constituír un espello e unha fiestra
da realidade galega no audiovisual. Así queda recollido nos Principios Xerais
de Programación da canle, aprobados o 12 de maio de 1986 por unanimidade no
Consello de Administración. Neste documento faise explícito o manifestado ata
agora:
Os programas de
Radiotelevisión de Galicia e da TVG deben de responder á realidade social,
cultural e económica do país. A programación ten que ser reflexo desa realidade
e, como medios institucionais, cunha obriga de contribuír á transformación da
mesma desde a identidade galega. Unha identidade que non se entende como algo
estático senón como un proceso aberto no que os medios de comunicación, radio e
televisión, deben supoñe-la incorporación da realidade social e cultura galega
á dinámica das modernas sociedades desenvolvidas. E isto como o servicio é o
xeito para garantir hoxe e no futuro a continuidade dunha comunidade cos seus
sinais de identidade (MANEIRO VILA, 1989: 205).
A prensa da época reproduce as
primeiras impresións sobre a importancia da creación dun medio propio, unha vez
salvadas as diferencias parlamentarias sobre a forma que adoptarían os medios
audiovisuais de titularidade pública[1].
Nos artigos de opinión e nas viñetas cómicas dos xornais locais recóllese, por
unha banda, a impresión da televisión como fiestra ao mundo pola que cheguen
contidos foráneos en lingua propia: “Cando J.R. de “Dallas”, ou mesmo o demo da
Ánxela, de “Falcon Crest”, entren falando galego nos fogares da nosa terra, o
traveso do televisor, Galicia escomezará a conta-lo século de ouro da súa
existencia como pobo con personalidade propia” (CAMPELO, 1985: 13).
Por outra banda, a televisión
enténdese como espello da realidade galega que ten por vez primeira unha canle
para a súa difusión. Neste sentido, atopamos declaracións como as de José
Manuel Campelo: “É preciso atestiguar que a partires deste intre, sen dúbida
algunha, potenciarase a normalización da lingua e cultura galegas. (...)
Ningunha lingua e cultura dun país pode subsistir de feito total se non ten
difusión. Por este simple motivo a televisión constitúese nun vehículo de
comunicación primordial de cara ó desenvolvemento dun pobo” (CAMPELO, 1985:
22).
Esta mesma lectura faise desde o
ámbito político, no que se verten numerosas declaracións entusiastas sobre a
televisión como contendor da expresión cultural dun pobo. Son especialmente
elocuentes as palabras de Xosé Luís Barreiro, vicepresidente do goberno
tripartito, e principal artífice da creación do ente RTVG: “este nuevo medio de
comunicación social abre un período esperanzador porque la televisión actuará
como dinamizadora de la cultura y del idioma gallegos, como defensora de la
autonomía y como promotora de la unidad entre los ciudadanos de esta comunidad”[2].
Preguntado pola importancia da unidade de Galicia a través do medio televisivo
aclara que “estas ideas están ya en el pueblo gallego, por lo que la televisión
actuará como refuerzo de tales actitudes: los teóricos de la comunicación
social siempre han destacado la importancia del medio en la reafirmación de las
ideas del receptor. Si los gallegos están por la unidad, por el afianzamiento
de la autonomía, por la defensa de lo nuestro, por el progreso de Galicia, la
TVG que está orientada hacia la misma vía reforzará y extenderá esas ideas”[3].
Polo xeral, trátanse de
declaracións esperanzadas e fundadas nun optimismo que provén das boas
intencións dos traballadores do ente público e do acordo político. Sen embargo,
a defensa da cultura e da lingua propias axiña se tornan un debate entre as distintas
posturas tomadas sobre o tema. A este respecto, a prensa serve para facer
públicas as polémicas que seguiron o inicio das emisións. Estas críticas non se
farán esperar. Así, o 26 de xullo de 1985, á vista dos dous primeiros día en
antena da TVG, La Voz de Galicia
recolle as impresións de Bieito Rubido na columna “TVG: una asignatura
pendiente para septiembre”. Nesta primeira crítica en prensa, ademais de
dinamitarse o optimismo do que facía gala a clase política, xa se adiantan os
dous temas principais do debate sobre a televisión pública galega, que quedan
resumidos deste xeito: “Habrá que esperar a septiembre, en segunda
convocatoria, para comprobar si la televisión gallega posee contenidos de la
Galicia moderna, de lo que ocurre aquí y ahora, en un punto equidistante de los
periclitados argumentos del folclorismo, que no del folklore, y del consumo
tercermundista de las producciones extranjeras, cuya participación en el
cómputo final de horas es preocupantemente notable” (RUBIDO, 1985: 62).
Xunto co debate sobre a lingua
empregada na televisión, estes son dous polos fundamentais para o estudo da
grella da TVG desde os seus inicios; dunha banda, ponse en cuestión a inclusión
de productos foráneos na programación da canle e, por outra, a orientación máis
folcklórica ca cultural da que acusan algunhas voces aos organizadores dos
contidos da televisión. Trátase de temas non menores para a evolución da TVG,
xunto coas demisións e problemas políticos, comúns a todas as televisións
autonómicas, que herdaron as mesmas tachas que o ente RTVE, o modelo a seguir.
A
hipótese de partida é, polo tanto, a existencia dunha diverxencia entre o marco
lexislativo e as boas intencións profesionais expresadas nos Principios de
Programación e nas declaracións institucionais, e o balanzo de case vinte anos
de emisión. É precisamente na programación, producto final e máis visíbel do
traballo colectivo dunha estación de televisión, onde intentaremos achar as
respostas.
Os principios de programación da Compañía
recollen a necesidade de que o medio público contribúa á normalización da
lingua:
O uso natural
dun idioma nos medios de comunicación mostra ó cidadán as avantaxes e aínda a
necesidade de fala-la lingua materna con propiedade. O exemplo dos que a falan
para comunicar ós demais o acontecer diario crea a sensación real de que a
lingua materna –cando, coma no caso da galega, foi menospreciada aínda que non
esquecida- é vehículo normal de expresión e comunicación e segue a ser útil
para comunicar tanto os sinxelos acontecementos de cada día coma os conceptos
máis complexos (MANEIRO VILA, 1989: 202).
Resulta interesante notar que se
entende a lingua galega coma parte dun patrimonio cultural danado, porén,
suxeito a un proceso de defensa específica dende os medios de titularidade
pública.
Xa no propio sistema televisivo
pode apreciarse esta situación de inferioridade da lingua galega con respecto
do castelán: en 1993 o 84’5% das horas de emisión de televisión en Galicia
estaban en castelán, mentres que o restante 15’5% se programaba en galego
(MANEIRO VILA, 1993). Coa chegada da televisión dixital e por cable esta
proporción faise aínda máis descompensada, xa que, salvo excepcións como a
retransmisión dos partidos de fútbol, toda a programación tende a emitirse en
castelán.
Un dos labores fundamentais da
TVG a este respecto foi a creación dunha variedade estándar da lingua e o
desenvolvemento dun intento de normalización da mesma. A este respecto Xosé
Antón López Dobao, asesor lingüístico da canle, considera que “a TVG é o único
espazo social no que o uso do galego é normal en todas as situacións
comunicativas”[4], sen
embargo, debido á situación de lingua minorizada que vive o galego, esta
situación non deixa de ser “unha normalización virtual da lingua”. Segundo
Dobao, “a TVG proxecta esa especie de futuro posíbel e desexábel, e só a TVG
nos está ofrecendo esa imaxe de futuro neste momento”. Ao fío desta última idea
queda claro que a Televisión de Galicia, máis ben o ente que tamén inclúe as
emisións da Radio Galega, é o único axente normalizador lingüístico da
sociedade galega.
Esta situación de
excepcionalidade do medio autonómico fai que todas as esperanzas de acadar a
normalidade lingüística recaian na súa programación. De aí que ao longo dos 18
anos de historia, moi breve en termos de historia dunha lingua, tal e como
indica Dobao, se recolleran numerosas críticas desde o ámbito da cultura e
desde os distintos grupos políticos.
Unha das máis ilustrativas do
estado de opinión sobre este asunto é a serie de artigos do profesor Xesús
Alonso Montero, coa conseguinte resposta do xornalista Carlos Luis Rodríguez,
en La Voz de Galicia no ano 1989.
Para Alonso Montero o principal problema do galego falado na TVG devén da
“non-instalación” dos profesionais nesa lingua, de xeito que o galego se
convirte nun “idioma de plató”. A este respecto, ao dicir de Alonso Montero
Lingua litúrxica
e lingua de plató son comportamentos idiomáticos, no escenario galego, que
levaría ó menos esixente dos comunicólogos a teorizar sobre o histrionismo
profesional, sobre a insinceridade, sobre a inautenticidade (ALONSO MONTERO,
1989: 9).
Fronte a esta situación, o profesor Alonso Montero
propón a formación dun instituto interno da lingua galega, ademais dunha
actividade extra para os comunicadores: “os alumnos terían que vivir algún
tempo en zonas compactamente galegófonas para oír galego en espacios
xeográficos e sociolóxicos onde este idioma aínda é a luva da man” (ALONSO
MONTERO, 1989: 9).
A resposta amentada de Carlos Luis Rodríguez
reproduce en boa medida unha visión oposta á de Alonso Montero, que considera
que o galego da TVG é unha sorte de “idioma (quizá románico) de laboratorio” na
que os profesionais do medio non se desenvolven con facilidade. Este
profesionais
no son causa sino efecto y
consecuencia de un autoengaño consistente en creer que el gallego es la lengua
propia y única en Galicia. Lo fue, puede volver a serlo, pero hoy por hoy
amplias capas de la población son castellano-parlantes de nacimiento e
instalación. La queja de Alonso Montero topa con esta evidencia, y tropieza con
un principio que debe estar por encima de culaquier programa o propuesta
normalizadora del idioma: la libertad
inalienable de cada gallego, trabaje o no en la tele, para utilizar el idioma que
le pete” (RODRÍGUEZ, 1989: 24).
Á luz das palabras de Rodríguez
–que reproduce todo o conflicto lingüístico no propio bilingüismo inharmónico
do seu artigo, “porque le peta”- entendemos que a Televisión de Galicia é un
micro-cosmos no que se deixan sentir as posicións encontradas sobre a lingua,
ademais de todas as situacións lingüísticas, ritualizadas ou non, en galego. De
aí a importancia non só de que a televisión transmita na súa programación unha
normalidade lingüística –non de todo acadada pola continua emisión de anuncios
publicitarios en castelán-, senón que se fagan programas nos que se reproduza
este debate. Non temos constancia de que isto suceda. Con todo, na súa vocación
de servizo público, a TVG adoita incluír pequenos espazos de ensino da lingua[5]
na súa grella, que soen emitirse en horarios afastados das máximas
audiencias.
Polo que se respecta ao outro
polo do eixo comunicativo, a recepción, non existe, polo de agora, un estudo
monográfico sobre a percepción que os galegos teñen sobre o modelo de lingua
presentado pola TVG. Se embargo, as opinións poden entreverse cando se pide á
audiencia que valore a actitude dos medios galegos.
Segundo
o estudo realizado por Johannes Kabatek existe un acordo común ao valorar como
mellores as variedades lingüísticas do galego máis próximas ao castelán no
plano fonético, ao tempo que se sancionan trazos dialectais como a gheada ou o
seseo. Asi, “detrás da consciencia dunha lingua común galega está entón o
modelo da lingua común castelá, e a diglosia orixinal entre galego e castelán
prolóngase deste xeito no conflicto interior do galego. Isto leva en parte a
unha valoración moi positiva por parte de falantes de variedades dialectais, do
galego foneticamente castelanizado dos medios de comunicación” (KABATEK, 2000:
112).
Ao
mesmo tempo que se entende que a lingua proposta polos medios orais galegos é a
máis apreciada, os espectadores galegofalantes sinten esta variedade como
diferente á que eles falan, e non se a mosan receptivos a aprender este modelo
(NOIA CAMPOS, 1994).
Os
intentos por incluír outras variedades lingüísticas na TVG foron poucos.
Viñeron, e veñen, da man de presentadores de programas -por iniciativa persoal
–nunca de programas informativos- e coa serie Mareas Vivas. O uso da variedade lingüística da Costa da Morte
semellaba, en principio, unha aposta complicada, pero axiña a audiencia
ratificou a escolla idiomática. Mareas
Vivas foi un dos programas máis vistos na historia da canle e iniciou unha
industria de ficción galega, de xeito que pode concluirse que o emprego dunha
variedade dialectal influiu positivamente na recepción da serie.
Caso
distinto é o dos programas informativos, nos que se aplica de xeito máis
estricto a norma estándar. Semella existir unha norma non escrita que define a
lingua para os programas serios ou highbrow,
-estándar e próxima ao castelán-, e a producción de ficción, que, considerada
como puro entretemento, presenta un modelo de lingua “máis aberto”, no que
teñen cabida variedades dialectais.
2.- A programación da TVG
Falabamos ao inicio deste
traballo das dúas tachas postas á programación da TVG nos seus inicios: en
primeiro lugar, a inclusión na grella de numerosos productos foráneos e, en
segundo, a idea de cultura folcklorista do medio que se denuncia desde algúns
sectores e que fixo que a televisión se dera en chamar popularmente “tele
gaita”. Ao fío deste tipo de programación topamos coa práctica inexistencia de
programas culturais, aínda que, como veremos, a súa emisión se considera un dos
piares da programación prevista para a TVG. A este respecto, tal e como
indicaba o profesor Pérez Ornia[6],
un dos intereses de Manuel Fraga en canto accede á presidencia da Xunta de
Galicia foi converter a Televisión de Galicia nunha “BBC”, é dicir, nunha canle
na que predominasen os contidos culturais e divulgativos sobre o resto de
xéneros.
Unha terceira idea que quixeramos apuntar aquí é a
existencia de programas de servizo público, nomedamente os dedicados á atención
dos problemas sociais e económicos de Galicia. Entendemos que estes programas
son de interese xeral e, polo tanto, deben estar programados con coidado en
calquera televisión de titularidade pública. Estes espazos representan
mediaticamente as necesidades de cada cultura, que por forza son diferentes segundo
as súas condicións socio-históricas.
2.1.- Producción propia e foránea. X.R., Sue Ellen e demais familia
A Televisión de Galicia veuse,
desde os seus inicios, inmersa nun paradigma de asimilación cultural que a
profesora Buonanno[7] deu en
chamar americanización, consistente na inclusión de contidos da
industria audiovisual americana en canles de todo o mundo. Ao tempo, Buonanno
defende a existencia dun segundo fluxo na producción audiovisual mundial, a
saber, un proceso de indexenización,
no que “formas e expresións de culturas externas, elaboradas por outras
sociedades, son apropiadas, reelaboradas e restituídas por unha ou diversas
sociedades locais en configuración consonantes e sintónicas cos propios,
autóctonos, sistemas de significados, dando vida a formas e expresións que na
súa natureza híbrida e sintética (...) constitúen baixo cada perfil orixinais e
auténticas creacións da cultura local” (BUONANNO, 1999: 20). Aínda que estes dous paradigmas productivos
son constatábeis en todas as televisións do mundo, son precisamente as máis
febles –recursos económicos limitados, recente incorporación ao sistema de
medios...- as que se someten con máis facilidade a estes procesos en lugar de
elaborar unha producción propia.
No caso da Televisión de Galicia
puidera apuntarse unha terceira corrente de productos que non ten
bidireccionalidade: a que se estabelece co mercado de productos televisivos
hispano, que surte maoirmente de ficcións seriadas á TVG[8].
A este respecto, os principios de
programación da TVG aluden especificamente á necesidade de creación de contidos
propios, como motor industrial e defensa dos valores da cultura galega:
A RTG e a TVG
buscarán o incremento da producción propia de programas e deste xeito deben de
busca-la presencia dunha programación baseada en temática e autores galegos e
con valor de universalidade para que esa producción propia poida ter acollida
noutros mercados, o que serviría como apoio ós investimentos que neste sentido
se fagan en Galicia e como proxección exterior da imaxe do propio país (MANEIRO
VILA, 1989: 206).
Esta foi, desde os seus inicios,
a intención da TVG, pero o avance na producción propia foi lento nos primeiros
anos. Segundo os datos do Anuario de la
Televisión 2004, a TVG dedica un 69’63% das horas de emisión á producción
propia. Isto supón que algo máis do 30% seguen a ser programas foráneos, sobre
todo ficción, que compiten na grella cos traballos asinados desde a propia TVG
ou nas productoras galegas. Pola súa banda, o informe Audiovisual galego 2003 destaca que a
producción
propia de TVG esperimentou un notable incremento nos últimos anos, crecendo de
1994 a 2001 en máis dun 40%. En 2001 e 2002 a producción propia estivo nas
cotas máis altas, achegándose ó 80%, correspondendo aproximadamente a metade,
un 37’26%, a espacios de información xeral e deportes. Segundo datos da propia
cadea, pódese cifrar en torno ó 57% ou 60% a producción exclusiva ou con medios
propios de Televisión de Galicia do total da súa producción propia, mentres que
o resto corresponde ó sector da producción audiovisual (VARELA RAMOS, 2003:
87).
A produción propia na TVG sofre
un aumento moi significativo nos anos 90, especialmente a partir do ano 94, no
que se inicia a emisión de dúas series de ficción: A familia Pita e Pratos Combinados.
A popularización dos produtos seriados afectou a todas as canles do estado, de
xeito que se inicia unha sorte de mercado da ficción audiovisual que se atopaba
nun estado incipiente. Esta tendencia do mercado televisivo contribúe ao
aumento de produción propia das canles, que colaboran coas produtoras
independentes, moi abondosas en Galicia. Así, a Televisión de Galicia se
converte na canle estatal que emite un maior número de horas de ficción seriada
de produción propia, concretamente, chegaron a emitirse 1100 horas na temporada
2000-2001.
Se ben o interese consignado de
ampliar a produción propia está sendo cuberto, a exportación de productos leva
un ritmo moi desigual, de xeito que os productos audiovisuais galegos seguen a
ser descoñecidos fóra das nosas fronteiras. Houbo, con todo, intentos de
exportar ficción, como a serie Mareas Vivas. Chegou a emitirse nas
canles autonómicas EITB e Telemadrid onde, segundo responsábeis da canle, non
obtivo os resultados de audiencia necesarios para a súa continuidade debido,
fundamentalmente, a unha dobraxe que se fixo apresuradamente e con falta de
calidade.
Houbo algunhas tentativas de
venda de productos, pero non temos constancia de que se siga unha política de
distribución de programas noutras canles do estado ou estranxeiras.
No que respecta ao interese dos
espectadores, -que se mide nos resultados dos estudos de audiencias pero tamén
en marcadores cualitativos de cultura popular-, pasouse dunha sorpresa e divertimento iniciais con respecto a
productos foráneos como Dallas (hai
toda unha serie de expresións habituais da serie que se convertiron en
expresións populares) ou os Western, a unha identificación con personaxes da
ficción galega, como por exemplo o dúo cómico protagonista de Mareas Vivas. Resulta interesante notar
que boa parte do éxito destes programas reside no uso da lingua: no caso de Dallas pola sorpresa que supuxo para os
espectadores ver ao X.R. falando en galego e, no caso de Mareas Vivas, polo uso da variedade dialectal da Costa da Morte.
A produción propia, nomeadamente
a ficción -pola achega psicolóxica que implica no proceso de recepción-, supón
maiores posibilidades de identificación da audiencia, xa que se manexan
marcadores culturais próximos. A produción das canles autonómicas, polo tanto,
debera tender a traballar os contidos propios, poñendo un especial coidado en
respectar e difundir os valores da cultura nacional.
2.2.- A difusión da cultura nacional
Acudimos,
unha vez máis, aos Principios de Programación redactados na canle autonómica
para sabermos cales foron as intencións iniciais con respecto da emisión de
cultura. Deste xeito, atopamos tanto a expresión da necesidade da programación
específica da divulgación cultural, obxectivo que sitúan ao mesmo nivel que a
oferta dunha información de calidade:
No
labor de devolver a Galicia o posto que lle corresponde no concerto nacional
dos pobos que constitúen España, a radio e a TV de Galicia secundan a tarefa de
normalización da lingua, difusión da propia cultura e defensa do patrimonio
artístico e histórico do país (MANEIRO VILA, 1989: 202).
Ademais
de fixar o obxectivo de estabelecer unha vontade divulgativa da cultura,
precísase que “deberá de existir programación específica cultural dentro das
características propias dos medios radio e televisión” (MANEIRO VILA, 1989:
205). É precisamente na especificidade duns contidos culturais onde a
Televisión de Galicia presenta máis problemas. Aínda que non se trata dun medio
privativo da televisión no sistema de medios galego, xa que a cobertura dada
aos contidos culturais –maiormente galegos- non é moi ampla, non se pode falar
de que a TVG puxera un especial coidado neste punto da grella.
Un
estudo da programación[9]
da canle dende o ano 1986, no que se estabiliza a súa oferta, permítenos ver
como os espazos dedicados á cultura en exclusiva son moi escasos e considerados
“moi minoritarios” polos responsábeis da canle.
Baixo
o epígrafe “programas culturais” agrupamos todos aqueles espazos dedicados á
manifestacións artísticas, ben monográficas, ben de carácter xeral. O máis
detacado deste tipo de contidos é a súa manifesta escaseza nas grellas da TVG e
a súa marxinación a franxas horarias loxanas do prime time. Ademais, nunha
canle que presenta unha estabilidade moi forte, -cunha programación nucleada
arredor de espazos cunha duración inédita na lóxica do mercado televisivo[10]-,
resulta significativo que estes espazos se vexan sometidos a cambios de
horario, o que nos leva a pensar na súa calidade de espazos de obrigado
cumprimento ou “comodíns”, válidos para encher ocos no horario late night
ou na sobremesa de fin de semana.
A
temática dos programas é moi variada: atopamos espazos que se ocupan dos
acontecementos culturais do país como Vivir Aquí (1988-91), Etcétera
(1995-99) e o actual Con C de Cultura (2004-...); espazos nos que a
música para os máis novos é o motivo fundamental como Atlántico (1986), Clan
Clip (1989-90), Clipmanía (1992-94) e Chambo (1999-00);
outros nos que a música tradicional e clásica son as protagonistas como Cancioneiro
(1986), Radio onte (1990), Moderato Cantábile (1993-94) ou Con
música propia (1995); programas de debate e distintos temas culturais,
entre os que destacan A Trabe de Ouro (1987), O Cartafol
(1989-90) e Entre a terra e a lúa (1999-00); finalmente, productos nos
que se presenta a actualidade cinematográfica con especial atención ao panorama
galego: Luces da cidade (1990) e Dezine (1997-01).
Esta
mostra contrasta directamente coa oferta cultural que presenta o centro territorial de TVE nas súas desconexións
para o espazo galego. Se ben contan cun tempo moito máis limitado que a
programación 24 horas da TVG, contan con numerosos programas nos que a cultura,
nas súas distintas manifestacións é o motivo principal. Este contraste na
valoración dos contidos culturais resulta altamente significativa ao constatar
que ámbolos dous medios son de titularidade pública e, polo tanto, non deberan
verse suxeitos a criterios de rendibilidade como os que parecen operar na TVG.
Ante a escaseza de productos nos
que a cultura é o tema específico, tal e como se recollía nos Principios de
Programación, cabería facer unha busca no resto dos programas da grella, para
comprobarmos se, sequera transversalmente, hai interese por incluír contidos
culturais específicos.
Polo
que respecta aos informativos da canle, -que adoitan ser os que sustentan o
esquelete de calquera programación xeralista-, os contidos culturais non posúen
un peso significativo no conxunto da oferta informativa. Dun estudo sobre a
información cultural nos medios galegos realizado na propia Sección de
Comunicación[11] tiramos o
seguinte dato altamente significativo: a cultura, en calquera das súas
manifestacións, só supón un 2% do total de noticias incluídas nos espazos
informativos. A noticias culturais case nunca chegan a aparecer nos sumarios e
avances, e adoitan aparecer en forma de “colas” que, ilustradas con música e
coa impresión dos créditos do programa, poñen un “toque de cor” final fronte a
dureza das noticias realmente importantes. Canto aos xéneros das pezas
incluídas, a metade delas son noticias estrictas, mentres que o resto se
reparten entre un 22% de críticas, un xénero que require dun esforzo maior por
parte do xornalista, e o resto que son as devanditas imaxes en cola. Polo que
respecta aos temas tratados, atopamos que a literatura é a disciplina que acada
un maior número de rexistros, suxeitos na súa meirande parte a actos de axenda
que, polo tanto, reproducen as rutinas de traballo xornalístico no medio
televisivo.
Resulta
moito máis difícil facer unha medición dos contidos culturais no resto de
formatos. Se ben poden lerse certos marcadores culturais nalgúns espazos da
canle, o obxectivo principal ten que ver con nocións de espectáculo e
entretemento, de aí que a atención posta a cuestións formativas é mínima. É
precisamente sobre estes programas sobre os que se verteron as pricipais
críticas de “folcklorización” dos
contidos da canle. Refírense, sobre
todo, aos programas denominados “gran formato” entre os que destaca o espazo
máis veterano das televisións da península, Luar,
polos seus 12 anos en antena. Tal e como se indica na páxina web da canle, Luar
“naceu coa intención de dar un lugar de seu á música galega, contando cada
semana coa presenza de convidados chegados de fóra. Así, os venres na TVG danse
cita os grupos e solistas máis destacados do panorama musical actual”. A
cultura galega aparece representada por medio dun panorama musical centrado no
tradicional e combinado con “convidados de fóra” entre os que destacan figuras
da canción española, que, desde logo, non poderían considerarse precisamente
pertencentes ao máis actual. Pode, á vista do emitido neste espazo, e fronte a
case ausencia de programas que recollen outros estilos musicais, que a
concepción da música galega que se ten na TVG baséase por veces no folckolre e
na tradición, de aí a frecuencia coa que se suceden as acusacións de
“folckorismo”.
A
loita polas audiencias, que afecta por igual a canles públicas e privadas,
condiciona en gran medida o tipo de grella da TVG. Trátase dunha programación
xeralista na que abundan os contidos de entretemento orientados ao público que
se entende como o máis fiel da canle. A este respecto, o director de
programación da canle, Carlos Carballo, manifesta que a Televisión de Galicia ten
unha audiencia-tipo: muller de máis de 50 anos, de nivel económico medio-baixo
e habitante de núcleo de poboación rural. A TVG programa para este perfil de
espectador, excluindo a cultura dos seus contidos principais.
2.3.- Servizo público
No Anuario de la Televisión chámanlle
formatos habituais a todos os programas de duración moi reducida que definen do
seguinte xeito: “Los formatos singulares cumplen, en muchas ocasiones, una
función de “comodín”. Las cadenas recurren a ellos para ajustar su parrilla o
cubrir imprevistos, ante la aparición de acontecimientos puntuales, por lo
general de acontecimientos deportivos o políticos” (Geca, 1999: 185). Atopamos,
deste xeito, programas que se ocupan de materias de interese xeral como a
saúde, a educación de adultos e nenos ou as actividades do sector primario. A
TVG rexistra numerosos programas deste tipo, todos eles de producción propia,
dedicados os máis deles a temas relativos a agricultura e a pesca, sectores
económicos importantes no sistema productivo galego. Os formatos habituais da
canle caracterízanse, en contra da definición ofrecida, pola súa estabilidade
na grella e porque se emiten, con a
penas variacións, desde os inicios da programación. Podería dicirse que estes
micro-espazos de servizo público cumpren xunto cos informativos unha función
vertebradora da programación da canle. Algúns dos mellores exemplos na grella
son O Agro e e Labranza, dedicados á agricultura,
A Saúde e O Mar. A TVG non programa espazos deste tipo con temática sindical ou
a televenda, que si aparecen noutras canles autonómicas. A utilidade destes
programas está tamén perfilada nos consabidos principios de programación, dos
que lemos: “A realidade socio-económica terá tamén presencia na programación e
dentro da autonomía que deben ter os profesionais búscanse os xeitos
divulgativos ou formativos que contribúan á mellora da realidade galega “
(MANEIRO VILA, 1989: 205).
Francisco
Campos, director da Compañía da Radiotelevisión de Galicia, estabelece de
maneira indirecta un paralelismo entre a existencia destes programas e a oferta
dun servizo público: “Programa de servicio público es el que contribuye a
enriquecer el conocimiento del espectador sobre cualquier tema de interés
general o minoritario y no solamente a entretenerlo, o bien, proporcionarle
información sobre cuestiones que no se dan en los informativos” (GECA, 1999:
69).
Conclusións
Partiamos da hipótese de traballo
da importancia crucial do coidado que os medios de titularidade pública, neste
caso as televisións autonómicas, deben poñer nos contidos de servizo público e
na lingua empregada, especialmente no caso de culturas minorizadas, que é o que
nos ocupa. Entendemos que o servizo público, alén da calidade imprescindíbel
que teñen que ter as programacións de titularidade pública, ten que ver con
dúas das misións tradicionais imputadas
aos medios de comunicación social: a información e o divulgación. Baixo estas
premisas, entendemos que:
-Atendendo a máxima de Berkeley
segundo a cal “ser é ser visto”, a existencia dunha producción propia, que
amose as características dunha cultura resulta de vital importancia para o caso
das sociedades sen Estado como o caso da galega, condenada á invisibilidade se
non se dan os mecanismos de representación necesarios. A este respecto a TVG, o
medio televisivo autonómico, é un dos activos máis importantes para reflectir
esta realidade en forma de programas propios. A Televisión de Galicia ten un
camiño andado neste sentido co aumento da producción propia, aínda que o
desexábel sería que se tratara dunha grella integramente composta por material
producido pola propia canle. Nunha era na que se multiplican as fiestras e as
pantallas, os galegos ben puideran achegarse a outras produccións en canles
foráneas.
-O emprego da lingua propia na
TVG, neste caso nunha situación social de diglosia, serve de referente e, polo
tanto, afirmación, para os falantes da mesma. Aínda que se dean distintas
concepcións de cómo teña que ser a devandita lingua, e se produciran polémicas
ao longo dos seus 19 anos de historia, a TVG funciona como un axente
normalizador do galego e daí a importancia vital do artellamento, tanto dun
modelo de lingua aceptado socialmente, como da elaboración dun discurso único
arredor deste tema, que inclúa nos seus principios os elementos precisos para o
enriquecemento desta lingua. Enténdese que os emisores deste modelo de lingua,
sobre todo os xornalistas e profesionais do medio que teñen contacto directo
coa audiencia deberan acollerse a este compromiso.
-A cultura á penas aparece na
grella da Televisión de Galicia de maneira directa, senón en contidos
transversais, o que lle confire un estatus de complementariedade e non de
contido esencial, tal e como se defende nos Principios de Programación da
canle. Ademais, se tal e como se manifesta nos mesmos Principios a cultura
galega ten que regresar a unha posición perdida no concerto das nacións do
Estado, podemos concluir que a producción e emisión de programas culturais é
una das asignaturas pendentes da canle. A cobertura mediática da cultura
propia, en calquera das súas manifestacións, e a achega a outras realidades
culturais debera constituir un dos propósitos prioritarios da TVG, esquecendo
para isto criterios de mercado e da rendibilidade das máximas audiencias.
-Polo que respecta á cultura que
se transmite na TVG, se non aparece en programas específicos, vemos que se
entende como tradición, suxeito este ao folcklore e a tradición popular, sobre
todo no que respecta ás manifestacións musicais. Isto fai que non se valoren –porque
non aparecen, é dicir, non existen- formas culturais máis novas, vencelladas a
sectores da poboación que non pertencen á audiencia-tipo da canle pero que,
coma cidadáns galegos, teñen o mesmo dereito a verse reflectidos na pantalla
autonómica.
-Por último, a TVG cubre nómina
de espazos de servizo público, atendendo as necesidades de sectores importantes
da poboación. Sen embargo, tal e como reflicte o conxunto da súa programación,
non debera caerse no inmovilismo nos contidos, para poder deste xeito dar
espazo e voz a novos sectores sociais emerxentes.
Bibliografía
BOURDIEU, Pierre (1997): Sobre la televisión, Barcelona: Anagrama
CASAIS, Enric et al. (1999).: Televisión e sociedade, Santiago de
Compostela: Lea
CONTRERAS, José Miguel (2001): La programación de televisión,
Madrid: Síntesis
DURÁN, Roque (1989): O xurdimento dos
medios de comunicación galegos, Santiago de Compostela: Xunta de Galicia
ESTEVE PARDO, José (1984): Régimen jurídico administrativo de la
televisión, Madrid: Instituto Nacional de Administración Pública
Informe fiscalizador do Consello de Contas da TVG do ano 1997 (1998),
Santiago de Compostela: Xunta de Galicia
KABATEK, Johannes (2000): Os
falantes como lingüistas. Tradición, innovación e nterferencias no galego
actual, Vigo: Xerais
MANEIRO VILA, Arturo e CABALEIRO DURÁN, Alfonso (1993): A TVG. Unha
institución pública imprescindible en Galicia, Santiago de
Compostela: Lea
MANEIRO VILAS, Arturo (1989), Funcións da TV autonómica e do centro
rexional de TVE en Galicia, Santiago de Compostela: Xunta de Galicia
MANEIRO VILAS, Arturo (1993): A influencia da TVG na promoción do
galego, Santiago de Compostela: Lea
MORAGAS SPA, M.; GARITONAINDIA, C. e LÓPEZ, B. (1999): Televisión de
proximidad en Europa. Experiencias de descentralización en la era digital,
Barcelona: Aldea global
NOIA CAMPOS, Mª Camino (1994): “Norma e estandarización, análise da
televisión galega”, en: Actas do XIX
Congreso Internacional de Lingüística e Filología Románicas, Tomo IV,
Sección VI. Galego. Sección VII. A Coruña. Romania Nova
VVAA (1981): Autonomia i mitjans de comunicació, Barcelona:
Institut de Ciènces Socials de la Diputació de Barcelona
VVAA (1999): El anuario de la televisión
1998, Madrid: GECA
VVAA (2000): El anuario de la televisión
1999, Madrid: GECA
Hemerografía
CAMPELO, J. M. (1985): “Los medios de comunicación contribuyen a crear
la conciencia de un pueblo”, El Correo
Gallego [Santiago de Compostela], (17 de xullo), p. 16
CAMPELO, J. M. (1985): “A rede autónoma de Radio-Televisión de Galicia,
unha realidade”, El Correo Gallego [Santiago de Compostela], 21 de xullo, p. 22
LEDO ANDIÓN, Margarita (2001): “Quince anos de televisión”. En: Estudios
de comunicación, [Santiago de Compostela], Consello da Cultura Galega, nº
0, (xuño), pp. 67-78
REDACCIÓN (1985): “La Xunta
de Galicia ha realizado un notable esfuerzo para la puesta en marcha del Tercer
Canal”, El Correo Gallego [Santiago
de Compostela], 25/07/1985, p. 63
REDACCIÓN (1985): “La
tramitación parlamentaria”, La Voz de
Galicia, [A Coruña], 25/07/1985, p. 19
Outras
fontes
[1] Tal e como recolle La Voz de Galicia: “La
televisión y la radiodifusión gallegas fueron casi desde el inicio de la
legislatura, una preocupación en el Parlamento gallego. Ya el 23 de septiembre
de 1982 se manifestaba el pleno a favor de un tercer canal para Galicia,
solicitaba la ampliación de la programación gallega en su primer canal y se comprometía
a la Xunta a que presentase en el plazo de tres meses un proyecto de ley del
consejo asesor de RTVE en Galicia”. La
Voz de Galicia, “La tramitación parlamentaria”, 25/07/1985, p. 19.
[2] Redacción: “La Xunta de Galicia ha realizado
un notable esfuerzo para la puesta en marcha del Tercer Canal”, El Correo Gallego, 25/07/1985, p. 63
[3] Redacción: “La Xunta de Galicia ha realizado
un notable esfuerzo para la puesta en marcha del Tercer Canal”, El Correo Gallego, 25/07/1985, p. 63
[4] Declaracións tiradas da celebración dun grupo
de discusión no marco do proxecto Historia da Televisión en Galicia, no que
participaron, ademais de López Dobao, Arturo Maneiro Vila, Alberto González
Montañés e Miguel Anxo Seixas Seoane.
[5] Podemos
destacar programas como Cousas da lingua
e Imos aló, produtos que tamén
estiveron varios anos en antena.
[6] Esta información recolleuse no curso,
organizado polo CGAI, “O mapa televisivo español: públicos, operadores e
contidos” (xullo, 2004), impartido por José Ramón Pérez Ornia e Santiago Gómez
Amigo.
[7] Se ben a análise de Milly Buonanno se centra
na ficción televisiva, as consecuencias dos procesos de americanización
e indixenización dos que fala poden aplicarse a todos os productos do
mercado audiovisual.
[8] A nómina de telenovelas emitida na TVG é moi
extensa e se inicia cunha das produccións pioneiras, a brasileira A escrava Isaura (1976).
[9] Neste sentido, a Sección de Comunicación, no
marco do proxecto xa amentado de aproximación a unha historia do medio en
Galicia, fixo unha análise, -que non pretendeu ser exhaustiva, senón indicativa
das principais tendencias da grella-, que consistiu na observación dos
programas emitidos en dous meses de cada ano, cada un deles do inicio e do fin
de cada temporada televisiva, o que permitiu revisar tanto as bases da
programación como a pervivencia ou desaparición de espazos da mesma.
[10] Programas “estrela” da programación como Luar,
programa de variedades da noite dos venres, e Supermartes –como o seu
nome indica, programa concurso emitido os martes- levan máis de dez anos en
antena, o que certifica a estabilidade, case inmovilismo, da grella da canle
autonómica.
[11] “A información cultural nos medios en Galicia” é un proxecto de investigación que ten coma principal obxectivo coñecermos de primeira man cal é a cantidade e calidade das informacións de contido cultural en todos os medios de distribución –para o caso da prensa- e recepción –de radio e televisión- galegas. Para este fin, e seguindo unha metodoloxía cuantitativa, baleirase o contido dos xornais e medios electrónicos e dos programas informativos audiovisuais, recollendo as pezas informativas dun día distinto de sete semanas, de xeito que temos os contidos de luns, martes, etc. non correlativos, para así evitarmos o seguimento de temas determinados da axenda. Os resultados deste estudo, que se realiza no Consello da Cultura Galega desde o ano 2000, son recollidos nun informe anual, do que adoitan facerse eco os propios medios estudados.