A presenza do Consello da Cultura Galega na prensa de Galicia: un salto cara á lexitimación e normalización  da cultura propia

Rosa Aneiros Díaz e Xosé López García. Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega (CCG) é unha institución estatutaria, creada ao abeiro da Lei do Parlamento de Galicia (Lei 8/1983 do 8 de xullo), con capacidade de iniciativa, investigación e organización, ao que compete a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. Este organismo naceu logo da aprobación da Constitución Española en 1978 na que se recoñece a pluralidade lingüística e cultural  do Estado Español e ao abeiro do Estatuto de Autonomía de Galicia. O CCG supuxo coa súa aparición o recoñecemento institucional a unha lingua e unha cultura propia ata daquela negada pola ditadura franquista. A presenza de noticias –congresos, investigacións, conferencias, inauguracións, discursos- promovidas polo CCG supoñen un índice revelador de entrada paulatina da lingua e dos riscos identitarios propios da cultura galega nos medios de comunicación do país. Neste artigo analizamos as aparicións do CCG na prensa de Galicia como indicativo da evolución das informacións e opinións relativas á idiosincrasia cultural galega e veremos como esta institución contribuíu, ao longo destes vinte anos de existencia, a asentar o recoñecemento da cultura propia. Isto permitiranos percibir como a prensa serve á vez como espello e como construtora da lexitimidade dunha cultura a partir dun cambio de réxime que favorece a multiculturalidade. Así, a evolución mediática do CCG é evidente. Do labor máis político liderado polos primeiros presidentes, especialmente Piñeiro, pásase a un ámbito máis orientado cara á investigación e difusión cultural. Isto explica que gañe espazo na prensa a nivel cuantitativo pola multiplicación do número de actividades que organiza pero a nivel cualitativo quede neutralizada dado o crecemento da oferta de ocio, cultura e espectáculos. As razóns condúcennos a factores endóxenos –a propia dinámica do CCG- e outros esóxenos como o incremento do interese das seccións culturais dos medios, a perda de peso institucional nas noticias culturais, un estadio máis normalizado da cultura propia, a proliferación da globalización cultural nos medios ou a multiplicación de fontes “autorizadas”. Todo isto será abordado polo miúdo neste artigo que forma parte dun estudo realizado pola Sección de Comunicación do CCG que analiza o impacto da institución nos medios. A investigación realizouse a partir do informe de Seguimento de cultura que analiza a temática cultural dos medios galegos dende o ano 2000[1] e, tamén e comparativamente, cunha análise dos dossieres de prensa do CCG dos anos 1987, 1988, 1989, 1991, 1994, 1995, 1996, 1998, 2000, 2001, 2002 e 2003.

Os medios como construtores da realidade social

Se os medios de comunicación son espello, construtores ou intérpretes da realidade social (Gomis, Lorenzo: 1991) é un debate que vén de vello na historia da comunicación. Luckman e Berger afirman que a realidade constrúese socialmente e parten da idea de que se trata dun concepto fundamentalmente dual: ten unha existencia autónoma, inaprensible, e á vez existe a través dun proceso cognitivo (Luckman e Berger: 1984:10). Se a realidade se constrúe colectivamente, é incuestionable que os medios de comunicación social xogan un papel importante neste proceso. As noticias non son, pois, un espello, tal e como xa indicou Tuchman (1983:10) xa que esnaquizan, xerarquizan e recompoñen a realidade segundo uns denominados criterios xornalísticos que, se ben queren guiarse polo interese social, acaban converténdose en guieiros da demanda da opinión pública. Así, o enmarcamento interpretativo (“framing”) da realidade que fornecen os medios é o resultado dun proceso de interpretación, escolla e xerarquización que condiciona a percepción da audiencia. A acción social está orientada polos medios ao significaren eses marcos interpretativos unhas pautas persistentes de cognición, de dotación de senso e de interpretación. Para Van Dijk non existe ningunha dúbida do rol de diagnóstico, avaliación e descrición asumido polos marcos, aínda que sexa de xeito sutil e implícito. Segundo Vasilachis (1997):

 

“La prensa escrita tiene una posición privilegiada en cuanto a su capacidad de crer y/o reproducir conceptos, significados, esquemas cognitivos, modelos interpretativos a través de los cuales los individuos le dan a su propia experiencia (Schwandt, 1994), acceden al conocimiento de los mundos objetivo, social y subjetivo, y reflexionan acerca de su posibilidad histórica de producir transformaciones a partir de la propia acción individual y colectiva” (Vasilachis: 1997,  265)

 

Agora ben, a autora arxentina, nega a inocencia do labor dos xornalistas neste proceso e reivindica o rol activo dos medios de comunicación na realidade que eles mesmos axudan a construír:

 

Los periodistas, en el proceso de interacción comunicativa, construyen discursivamente también su propia identidad y la de los otros (Kline y Kuper, 1994), se autolegitiman como nueva profesión (Kellner y Heuberger, 1992) y se constituyen, por este medio, en actores sociales relevantes y socialmente reconocidos con capacidad de decir, proponer, coincidir u oponerse. La prensa escrita más que un espejo pasivo de la realidad consiste, pues, en un conjunto de focos móviles (Hackett y Zhao, 1994) cuya luz se hace evidente en la selectividad y en el empleo de diversas estrategias argumentativas inherentes a la producción de noticias. (...) el poder de la prensa y de los restantes medios de comunicación en el control efectivo del flujo de información y en la conformación de la opinión pública ha sido ampliamente reconocido, así como su papel activo en la reproducción de las relaciones de poder (Fang, 1994) y en la promoción de los valores y creencias de los grupos dominantes de la sociedad que son los que la prensa, como institución, como industria, comparte (O´Donnell, 1994). En este sentido, aunque los textos producidos por los periodistas aparezcan como impersonales, neutrales y objetivos (...), el discurso de la prensa construye la realidad (Meeuwis, 1993) en lugar de informar sobre ella, y por tanto, condiciona la forma en la que los individuos elaboran su imagen del mundo (Almedia, 1992)” (Vasilachis: 1997, 266)

 

Os medios xogan un papel prioritario no que Vasilachis denominou representacións sociais entendidas como “construcciones simbólicas individuales y/o colectivas a las que los sujetos apelan o las que crean para interpretar el mundo, para reflexionar sobre su propia situación y la de los demás, y para determinar el alcance y la posibilidad de su acción histórica. Dentro de esas representaciones encontramos estructuras y procesos cognitivos, tales como, entre otros, patrones y modelos interpretativos, categorías, esquemas conceptuales, definiciones, jerarquizaciones, estereotipos, nociones de primer y segundo grado –desde la perspectiva de la doble hermenéutica- que median entre los actores sociales y la realidad y que se les ofrecen como recurso: a) para poder interpretarla, conjuntamente con su experiencia, b) para referirse a ella discursivamente, y c) para orientar el sentido de su acción social”. Esta definición, que a autora arxentina ofreceu para o papel dos medios, é válida para o papel das institucións da sociedade. Así, no proceso de conformación das “construcións simbólicas colectivas”, as institucións públicas fornecen marcos interpretativos da realidade –que afectan dende a vida cotiá ata a propia percepción da identidade colectiva- que os cidadáns e as cidadás aceptan pola lexitimidade social que aqueles ostentan.

 

North achéganos unha definición de institución entendida como:

 

“as regras de xogo na nosa sociedade, ou, de xeito máis formal, os límites deseñados polo home que dan forma ás relacións sociais e que estruturan os incentivos que actúan sobre a interacción humana, sexan estes políticos, sociais ou económicos”[2] (Máiz: 2004, 283)

 

O papel de institucionalización aparece ligado ao recoñecemento social, ao poder político e ao respecto colectivo a uns intereses dos que se recoñece o dereito a seren defendidos. Gellner fálanos da necesidade das institucións –infraestrutura educativa e cultural- no asentamento dunha cultura de seu.

 

“Una cultura puede darse su existencia, y ahora a menudo se la da, sin la gracia no sólo de una dinastía sino de un estado: pero en esta situación, cuando una cultura se encuentra desprovista de un caparazón político tenderá inevitablemente a hacer nacer un estado y a volver a trazar fronteras políticas para asegurarse la existencia de este estado que es lo único que puede proteger la infraestructura educativa y cultural sin la cual una cultura moderna no puede sobrevivir. Ahora ninguna cultura carece de su teatro nacional, de su museo nacional, de su universidad nacional, y estos elementos a su vez no están seguros hasta que no exista un ministerio independiente de la cultura que los proteja. Estos elementos, lo mismo que una tasa de inflación propia e independiente, son señales de soberanía”  (Gellner: 1993, 29)

 

Tamir engade a isto que “os cidadáns requiren institucións conformadas por unha cultura que as forneza de sentido e as volva lexítimas, comprensibles e transparentes a efectos de alentar a participación nas mesmas. O cal á súa vez xera un adicional e capitalísimo sentido de pertenza nacional, de mutuo recoñecemento, de mobilización e responsabilidade colectiva”. (Máiz: 1998: 189-190)

 

 Dende esta óptica, medios e institucións funcionan como construtos sociais en que a sociedade recoñece, interpreta e explica o contorno social en que vive. Resultan estas referencias imprescindibles coas que a persoa identifica o seu arredor a partir de quen lle conta o mundo -medios de comunicación- e aquelas referencias a quen o consenso social outorga a representatividade duns intereses común –institucións-. Os medios de comunicación e as institucións son depositarias, pois, da representatividade social que lles permite tanto xerarquizar as prioridades dunha comunidade como establecer as súas necesidades inmediatas.

 

Neste depósito social de roles van implícitos deberes e dereitos que os medios e as institucións non poden obviar. Os medios de comunicación e as institucións están lexitimados pola comunidade quen, a súa vez, considérase lexitimada socialmente pola existencia de medios de comunicación e institucións propias. Nesta reciprocidade, con continuos tiras e afrouxas, establécense pactos non escritos cos que ningún ámbito debe vulnerar a confianza social depositada nel. A falta de credibilidade dun medio de comunicación ou dunha institución conduce a que a sociedade rompa o pacto e os deslexitime como representantes dos seus intereses. Se os medios de comunicación e as institucións son construtos que ostentan a representatividade social, a relación entre ambas as dúas forzas resulta de mutua necesidade: os medios de comunicación precisan das institucións para basearse na representatividade democrática e as institucións precisan dos medios para transmitir o traballo a prol da colectividade que representan. A simbiose mutua non está exenta de tensións motivada polos intereses das distintas forzas sociais. Sánchez Noriega fala dunha relación dialéctica entre o sistema político e o sistema mediático: “os medios exercen una función política cando as súas mensaxes son tidas en conta polo sistema político, que reacciona con declaracións (...) Pero os medios tamén exercen unha función política cando se fan eco da actividade existente no sistema político e a trasladan á opinión pública” (Noriega, 1997: 228).

A representatividade social nas etapas de cambio político

As etapas de cambio político son, se cadra, os momentos onde estes dous construtos establecen unha relación máis forte de dependencia mutua. Marcos Pérez sinálanos a importancia destes na Transición Española xa que “os medios provocan sempre grandes cambios na sociedade, sobre todo nun contexto democrático, onde se converten no maior instrumento de socialización e o principal axente de cambio social. Ademais, os xornalistas participan sempre como actores nos conflitos políticos que se establecen na sociedade na que están inmersos. O potencial de cambio dos medios é maior nos momentos de grandes mudanzas políticas e sociais, como foi a transición política no Estado Español na segunda metade dos anos setenta e tamén nestas situacións cobra maior importancia a participación dos xornalistas como suxeitos actanciais nos conflitos políticos” (Pérez, Marcos, 2004:304). Este estudoso da contribución dos xornais ao proceso de construción identitario indica, ademais, que “nas transicións cara á democracia hai ocasións en que a prensa non só cumpre un importante papel no proceso de apertura da información á opinión pública, grazas ao seu rol de referente común e accesible aos principais actores colectivos e individuais e polas súas accións de presión aperturista (demandas, proposta de medidas, proposta de cronograma político...), senón que ademais contribúe á reconstrución das identidades partidarias, á formación de liderados, así coma ao desempeño das funcións básicas de intercambio e recoñecemento mutuo das elites políticas nun sistema partidario en formación ou reforma. Así, en España, a prensa asumiu funcións de artellamento político que en condicións institucionais normais deberían ter correspondido aos partidos políticos, converténdose no que se coñece como parlamento de papel” (Pérez, Marcos, 2004:304-305).

 

En Galicia, o papel de liderado dos medios de comunicación na acción social terá un dos seus grandes baluartes no recurso á presenza dos intelectuais nas súas páxinas principais. A estes persoeiros de recoñecida traxectoria humanística, a prensa concedeu, simbolicamente, a voz da esencia galega, da memoria histórica de Galicia. O peso moral destes intelectuais converteríaos, ante a ausencia de institucións e grazas ao rol outorgado pola prensa, en interlocutores e fontes lexitimados para seren as voces autorizadas tanto da política como da cultura e da propia identidade galega. No caso político, unha vez logrado o Estatuto e tras os primeiros comicios autonómicos, a presenza dos intelectuais na prensa perde peso cuantitativo e este pasa a recaer nos novos líderes escollidos democraticamente. Porén, ata a consolidación e posta en funcionamento das institucións – Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e CCG- estes intelectuais históricos habían continuar sendo a voz da cultura galega.

 

A inicios dos anos oitenta, as institucións acabadas de nacer viñan reclamando un oco nos medios para xustificar a súa existencia e demostrar socialmente a súa lexitimidade e vixencia. Así, os primeiros anos de vida do CCG viñeron marcados polo debate social arredor da súa propia lexitimidade e existencia no contexto galego, debate que foi minguando a medida que o traballo da institución xustificaba a súa razón de ser. Este traballo tivo o seu eco nos medios de comunicación, que funcionaron como amplificadores e difusores na sociedade galega desta institución. Á súa vez, os medios de comunicación atoparon na institución un interlocutor lexitimado socialmente para representar á cultura galega –papel que ata ese entón representaban persoeiros egrexios con voz propia que se equiparaba no discurso coa cultura do país e aos que, pola súa traxectoria humanística, se outorgaba credibilidade e unha certa veneración intelectual.

Que é o Consello da Cultura Galega. Historia e finalidade

 

No discurso da constitución oficial do CCG en 1983, o seu entón presidente, Ramón Piñeiro, sinalaba a respecto da cultura galega:

 

“Galicia é un pobo diferenciado, quer decir, un pobo que se distingue dos demais mesmamente porque ten cultura de seu, porque soupo desenvolver a súa personalidade colectiva expresándoa nunha creación cultural xenuina. Unha creación cultural que ven de moi lonxe no tempo e que se foi conservando, anovando e arrequecendo a través da súa evolución histórica. Esa continuidade a través da evolución fai que, ao ser asumida por nós, asumamos nela a historia máis profunda do noso pobo, historia que se fai sustancia da nosa propia personalidade e nos dá a identidade común como galegos. Identidade que nós recibimos dos nosos maiores e temos o deber de lla transmitir”.

 

A aprobación da Constitución española en 1978 supuxo o recoñecemento, con todos os matices que se queiran engadir, á diversidade cultural existente no Estado Español e ata ese instante infravalorada –cando non desprezada- polo poder preexistente. O artigo 3 do título preliminar da Carta Magna indica no seu apartado 3: “La riqueza de las distintas modalidades lingüísticas de España es un patrimonio cultural que será objeto de especial respecto y protección”. O Estatuto de Autonomía de Galicia recolle no seu artigo 32 que “correspóndelle á Comunidade autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. Con tal finalidade, e mediante a lei do Parlamento, constituirase un Fondo Cultural Galego e o Consello da Cultura Galega”.  O CCG creouse, pois, conforme ao que prevé este artigo 32 do Estatuto, por Lei do Parlamento de Galicia (Lei 8/1983, do 8 de xullo) e réxese por esta Lei e máis polo seu Regulamento aprobado pola Xunta de Galicia (Decreto 237/2000, do 29 de setembro). É unha institución estatutaria que cumpre as funcións de órgano asesor e consultivo, con capacidade de iniciativa, investigación e organización, ao que compete a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego A personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, garántelle a independencia ao respecto dos poderes da Comunidade Autónoma e da súa Administración.

As competencias do CCG céntranse en fomentar a lingua e a cultura galegas, investigar e valorar as necesidades culturais do pobo galego, analizar cantas cuestións se refiran ao patrimonio cultural galego, promover actuacións culturais adecuadas aos seus fins (organización congresos, seminarios, conferencias, exposicións, arquivos, centros documentación), asesorar e consultar os poderes públicos da Comunidade Autónoma, elevar aos poderes públicos da C.A. informes e propostas a prol da defensa e promoción dos valores culturais galegos.

O CCG está integrado por  vinteseis conselleiros que forman o seu Pleno, un nato (conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia), dez electivos e quince representativos de distintas institucións culturais públicas e privadas de Galicia. A institución, cun carácter dinámico, ten ao seu servizo a máis de cento cincuenta investigadores e profesionais de recoñecido prestixio integrados nas distintas seccións e comisións técnicas. Estas desenvolven un traballo diario centrado na investigación –a curto ou medio prazo- sobre distintos asuntos da vida cultural galega e organización de eventos que poñan de relevo o estudo dos valores culturais propios en diálogo con outras culturas.

 

Tendencias na prensa. Unha visión dende 1978

 

Os estudosos –como xa indicamos no caso do traballo de Marcos S. Pérez- sinalan que, durante a Transición española, o papel dos medios de comunicación foi primordial. Segundo sinala Xosé López,

 

“Durante os anos da trasición á democracia, nos que os medios de comunicación xogan un papel importante na formación da cultura política, esta ocupa case a metade da información publicada: La Voz de Galicia, o 48,7% do total dos textos analizados; El Ideal Gallego, o 48,9%; Diario de Pontevedra, o 49,4%, pese ó carácter marcadamente local do xornal; e o Faro de Vigo, o 41,5%. (...) Nos anos oitenta, o inicio do proceso de descentralización política traslada a actividade ó ámbito autonómico coa aprobación do Estatuto de Autonomía e a paulatina transformación de competencias á Xunta de Galicia. A actividade informativa segue o mesmo camiño. Durante esta época os xornais xogaron un papel fundamental na consolidación da autonomía galega que, dende o punto de vista informativo, acada o seu cumio na constitución das seccións de Galicia. Como afirma Pérez Vilariño: “es evidente que no puede haber autonomía real –esto es, personalidad diferenciada- sin opinión propia y sin medios autónomas para expresarla. Dado el control central de los medios audiovisuales, la importancia de la prensa escrita en el proceso autónómico es decisiva (Pérez Vilariño, José, 1982)”. (López, Xosé: 2000, 142)

 

Xosé López coordinou un estudo comparativo da prensa en 1978, 1988 e 1998 do que tirou conclusións de notable interese a respecto das temáticas dos medios en Galicia durante este período:  “en dúas décadas a información política dividiu pola metade a súa presencia nas páxinas dos xornais galegos (representaba o 49% de tódolos textos publicados en 1978 e o 24% en 1998), mentres se duplicaba a información sociocultural (10% en 1978 e 21% en 1998). Ó mesmo tempo, o fenómeno da globalización, o incremento da competencia e a necesidade de consolidar uns mercados locais ben definidos potenciaron o aumento da información de ámbito local (dende o 26% do total de textos publicados pola prensa galega na década dos 70 ata o 36% nos anos 90)” (López, Xosé: 2000, 141). A isto debemos engadir que “as cifras reflicten que, unha vez consolidado o novo marco político a tódolos niveis (supraestatal, estatal e autonómico), a cultura, o ocio e os temas sociais centran a vida dos galegos e incrementa a presencia nas páxinas impresas dos 80” e “ademais, ó mesmo tempo, aumentou a materia da sección de Cultura (incremento do número de editoriais en Galicia, máis actividade cultural, incremento do consumo cultural...) nos últimos vinte anos” (López, Xosé: 2000, 144-145)

 

A nivel temático encontramos nos últimos anos unha suba do peso da información cultural -relacionada tamén co aspecto de ocio, sociedade e espectáculo- en detrimento da información estritamente política. A isto súmase unha abusiva entrada das fontes institucionais nas páxinas dos xornais galegos. Na tese doutoral de Francisco Campos Freire titulada “A reconversión da prensa en Galicia (1982-1992). A transformación das estructuras empresariais e profesionais do sector” evidénciase esta tendencia:

 

De preocupante pode considerarse o contido informativo dos xornais galegos,onde parece que as insitucións son case as esclusivas fontes de información. Escasas reportaxes de investigación e raquítico número de comentarios describen un producto de puro tinte institucional. Nun exemplar de EP, das 37 informacións que aparecen nas súas páxinas de local-provincial, 25 teñen a súa orixe en fontes institucionais. Pero a mesma proporción repítese nas páxinas de Galicia. Pola súa parte, o xornal FV de 12 informacións nas seccións de local e provincial, 8 eran noticias institucionais. Así, mesmo, de 28 noticias na sección de Galicia, 24 tamén tiñan a súa orixe nalgunha institución. Aínda que ata os últimos anos da década dos 80, as informacións institucionais dominaban claramente o contido do xornal, a proporción alcanzou unha maior virulencia a partir de 1990, onde case o único protagonista informativo eran as propias institucións” (tomo I, 63).

 

Pola súa parte, a tese de Berta García Orosa[3], recolle esta tendencia a partir de autores como Sigal, Herbert Gans, Joaquín Villafañe, Txema Ramírez ou Miguel Túñez  e determina o peso en continuo aumento do volume de información institucional nos medios de comunicación no abrente do século XXI.

 

Non obstante, e no que se pon de manifesto ao pé da información cultural debemos sinalar unha salvedade ao que parece ser a regra xeral. Durante os últimos catro anos, a Sección de Comunicación do CCG realizou un informe semestral en que se analiza polo miúdo as noticias de carácter cultural aparecidas na prensa, radios e televisións de Galicia. A metodoloxía de traballo consistiu no baleirado de todos os contidos culturais nos medios en bases de datos. As entradas permitiron extraer uns primeiros resultados de carácter cuantitativo que ofrecen unha panorámica nítida da información cultural que se está a facer en Galicia. As conclusións desta investigación amosan datos moi semellantes nas sucesivas edicións e estas inciden no criterio de novidade e actualidade como prioritarios na escolla das noticias culturais; o predominio da información local; o predominio dos actos marcados pola axenda; a cultura entendida como lecer ou espectáculo; a vinculación da cultura aos xéneros informativos; a posición subsidiaria da cultura no discurso xornalístico galego; a unicidade de fontes; a predominancia das artes musicais sobre as artes plásticas ou a literatura e uso maioritario da lingua castelá. En canto ás fontes consultadas, salientamos que, nun 51,9%  a fonte é a cualificada como individuo, persoas que non representan a ningunha institución empresa ou asociación. A administración pública (concellos, Xunta de Galicia, deputacións e Estado) constitúe un 16,7% das fontes, mentres que as asociacións de particulares supoñen un 11,5%” (López, Xosé: 2003).

 

O Consello da Cultura Galega na prensa

 

As tendencias globais marcan na actualidade, pois, un incremento progresivo da información sociocultural e unha curiosa escaseza de fontes institucionais no eido cultural que contrasta co vertixinoso avance noutras áreas, como a política ou a económica. A isto cómpre sumar, tal e como se indicará despois, un auxe da información local e a conseguinte “disgregación” de contidos culturais por diferentes seccións do xornal así e como unha difuminación e globalización do termo cultura provocada pola entrada masiva de información de ocio e espectáculo. Non sempre foi así. Nestes vinte anos de existencia, o CCG atravesou diferentes estadios no seu espello mediático, propiciados ademais de polas circunstancias externas, pola propia actividade da institución. Se nos primeiros anos, o labor centrouse nun número limitado de actos e na resposta á demanda dos medios a cuestións de actualidade, a tendencia da última etapa vén marcada pola multiplicación da actividade institucional e no menor recurso dos medios como fonte especializada. Ademais, este maior peso cuantitativo vén motivado pola inclusión de pequenas noticias de axenda, presentacións, conmemoracións e outros aspectos ligados ao labor institucional e non a reportaxes, entrevistas ou artigos de fondo, máis frecuentes na primeira etapa. O traballo “Identidade colectiva e medios de comunicación” que reflicte o índice de titulares de La Voz de Galicia nas principais seccións do xornal entre 1977 e 1996 fornécenos só trinta titulares de noticias –principais ou soltos- do CCG durante este período. Destes, vinteún titulares corresponden aos anos oitenta e só nove á década posterior, o que pon de manifesto o peso cualitativo da información da institución na cabeceira coruñesa. Este estudo non recolle a sección de Cultura nin tampouco as edicións  locais pero sérvenos para indicar o grao de presenza na portada do CCG. Este dato vén apoiado pola tendencia xeral marcada no xa citado seguimento de medios da Sección de Comunicación en que se indica “os medios escritos valoran á baixa a información de carácter cultural. Trátase dunha área que non goza da entidade e da relevancia de que dispoñen outras seccións dentro do xornal. Escasas veces acadan un lugar en portada e nas ocasións en que aparece en primeira páxina, ocupan unha superficie pequena e sen imaxe. Aproximadamente só dúas de cada cen novas publicadas chegan á primeira do periódico”. O CCG non se sustrae a esta xeneralización.

 

Para entender o significado do tránsito mediático do CCG debémonos referir a dous datos elocuentes que se extraen dos dossieres de prensa analizados:

 

Noticias de prensa anuais:    1988: 185      2003: 759

Publicacións editadas:          1990:    8      2002:   26

 

Estes datos poñen de relevo que unha das razóns, do incremento do volume informativo do Consello reside no aumento da súa propia actividade institucional. A isto debemos sumar o nacemento do gabinete de comunicación en 2000 que multiplicou a oferta informativa interior de cara aos medios. Esta suba cuantitativa, como viamos, enmárcase na tendencia global de aumento de información sociocultural na prensa galega. Mais este fenómeno só se comprende na totalidade se se pon en relación con outras circunstancias que marcaron este camiño.

 

Durante os seus primeiros anos de vida, o labor do CCG centrouse na reivindicación dos valores patrimoniais e máis tradicionais da cultura galega, especialmente dos seus persoeiros máis senlleiros e da súa lingua propia. Á marxe do debate parlamentario con espello na prensa sobre as responsabilidades da institución no papel de defensa e promoción da cultura de seu, as primeiras presenzas do CCG condúcennos a 1986, ano en que o Consello comezou a traballar con sé e persoal propios. Tres anos despois da súa constitución, e un ano despois do primeiro congreso Rosalía de Castro, celébrase en Santiago o congreso internacional de culturas minoritarias europeas que supón o gran bautismo de lume da institución a nivel mediático. Os medios de comunicación, que ata ese entón carecían de referentes sobre a denominada cultura galega descobren neste congreso un interlocutor que conecta a lingua e cultura galegas no ámbito internacional. E a cultura propia pasa de ser negada e discriminada institucional e mediaticamente a ter un oco de relevo nos dous máis importantes referentes simbólicos da colectividade: a prensa e as institucións.

 

A finais dos anos oitenta, a presenza do CCG na prensa galega ten un peso importante xa que, ben pola magnitude dos actos que organiza ou polo seu seguimento puntual da política cultural da Xunta de Galicia ao servizo do seu papel de asesoramento, atópase constantemente vinculada á actualidade informativa. Os catro simposios sobre a figura de Otero Pedrayo en 1988 (centenario do nacemento do polígrafo ourensán) tiveron un enorme eco na prensa, que lles outorgou durante a súa celebración unha gran atención mediática a partir de noticias e reportaxes sobre as temáticas abordadas e entrevistas aos especialistas convidados. Todos os medios galegos repararon nestes actos ofrecendo ao CCG un papel prioritario nas páxinas da sección de Cultura. Máis da metade das informacións que sobre o Consello se publicaron neste ano viraron arredor da figura de Otero Pedrayo. O resto das noticias están relacionadas con polémicas sobre as que o Consello ofrece a súa opinión chegando a momentos de fonda controversia coas restantes institucións galegas. Este posicionamento, recollido na prensa repetidamente, debeuse á figura carismática de Ramón Piñeiro. O rol do presidente nesta primeira etapa resulta especialmente importante. O seu labor político na Transición e o seu papel de liderazgo da opinión pública dada a veneración intelectual que se lle ofrece (non esquezamos o peso de Realidade Galega), outórgalle unha presenza destacada nos medios. Así, mestúrase durante a presidencia de Ramón Piñeiro o labor institucional do Consello coa figura do seu presidente favorecendo, en total, unha presenza de relevo nos medios. O seguinte presidente, Xosé Filgueira Valverde, recolle o legado do seu predecesor Piñeiro e os medios continúan vendo na institución unha interlocutora, unha fonte especializada á que recorrer en caso de polémicas relacionadas coa política cultural do país ou cuestións relativas á nosa ideosincrasia cultural.

 

O gran cambio pode datarse en 1996, ano en que asume a presidencia o terceiro titular, Carlos Casares e continuado polo seu actual presidente, Alfonso Zulueta de Haz. Aquel, no mesmo día do seu nomeamento asume o reto de modernizar a institución e abrila aos novos medios tecnolóxicos, vontade que traería consigo os sitios web da institución (www.culturagalega.org; www.consellodacultura.org). Estamos diante de algo máis que unha simple modernización. A institución segue as pisadas da propia cultura do país e abre o camiño cara a outros temas e necesidades culturais. Se durante os primeiros anos, a reivindicación da cultura e lingua propias –asentada no discurso de defensa dos valores patrimoniais e na súa posta en relación con outras culturas- era unha prioridade absoluta, a finais dos anos noventa, súmanselle outras necesidades existentes en toda cultura moderna. Vinte anos despois da chegada da democracia ao Estado Español,  o CCG multiplica os seus actos nas máis diversas disciplinas, multiplica o número de investigadores, publicacións, eventos e apoia as máis diversas iniciativas culturais, dende o cinema  ás artes plásticas pasando pola música actual, Internet ou exposicións. Da reivindicación dos antigos petrucios da cultura galega avánzase cara á modernidade e os medios de comunicación son testemuños disto. Cada sección toma azos propios e orienta o seu labor segundo as necesidades que se consideren prioritarias no sector combinando a investigación actual coa análise histórica. Isto fará que, para o interese dos medios, evidentemente sexa máis atractivos aqueles estudos relacionados coa actualidade inmediata cás investigacións a longo prazo de perfil diacrónico. Un caso significativo de funcionamento mediático témolo no Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia. Dende o seu nacemento, a súa presenza mediática medrou progresivamente dado o carácter independente, especializado na investigación sociolóxica e seguimento pormenorizado da política lingüística da Xunta de Galicia. O seu asentamento como fonte especializada e elaboración de informes de seguimento da actualidade legal, mediática e sociolóxica con respecto á lingua galega provoca unha relación cos medios moito máis activa ca outras seccións máis orientadas á investigación histórica. No ano 2003, a Sección de Lingua e o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia están dentro dos catro primeiros postos de relevancia na prensa xunto co Arquivo Sonoro de Galicia e a Sección de Comunicación. Se ben existe unha gran dependencia mediática dos actos realizados durante o ano (e polo tanto, variable), estes datos resultan unha tendencia constante da última época.

 

Pero este comportamento nos medios non se debe unicamente a unha evolución no propio labor do Consello senón ás demandas informativas dos medios. A finais da década dos noventa a multiplicación de eventos e colectivos culturais –asociacións, editoriais, colexios, mesas de defensa da lingua, fundacións, padroados, museos, salas exposición, agrupacións de artistas (artistas plásticos, escritores, escultores, músicos, arquitectos...)- provocou unha multiplicación das fontes ás que os medios teñen acceso. De ser practicamente a única institución fóra da Xunta relacionada coa cultura, pasou a ocupar espazo con centos de colectivos dedicados á xestión e defensa dos bens culturais. Deste xeito, o papel inicial centrado no asesoramento e crítica, dentro da chamada “fidelidade institucional” deixou de ocupar un lugar destacado na presenza mediática do Consello da Cultura, que pasa a se converter nas páxinas dos medios nun grande artífice cultural. A multiplicación das fontes a inicios do século XXI é un dos factores que propiciou este cambio, pero tamén a propia orientación á que os medios dirixen a súa ollada con respecto á cultura.

 

A modo de conclusión

 

Nun país como Galicia, a complexidade do termo cultura é maior dada a confluencia de distintos planos superpostos na configuración da identidade cultural. A isto cómpre sumarlle a evolución tanxible da atención mediática no referente a cultura. O aumento de espazo e dedicación na sección cultural vai directamente relacionado co aumento da oferta de espectáculos, ocio e sociedade. Segundo algúns autores en todo o período que arranca na democracia, o papel xogado polos medios tampouco favoreceu “a maduración da cultura galega, a súa proxección social ou a súa mundialización” (Álvarez Pousa, Luis: 1991, 32). E indica “entramos na que Gilles Lipovetsky chama no seu emblemático libro a era do vacío. A cultura é concebida na prática coma un espacio no que se pode desenvolver a gosto esa que din civilización do consumo e do ocio. A tragvés dos “mass media”, todo o que referencia cultura esváese no xogo da apariencias e da mextura: o institucional e o popular perderon o valor ue se lles atribuiu dende sempre, e confúndense. A cultura, coma algo diferenciado, perde consistencia”. Os medios, como actores sociais con capacidade de presión posiciónanse no “radio de acción do poder”, asumindo conxuntamente esa concepción da cultura que reproduce sen máis os vellos esquemas e as vellas linguaxes. O escritor Gonzalo Navaza (Navaza, Gonzalo: 2001, 39), sostén que:

 

“Nos informes das distinas áreas do Foro[4] fálase da esixencia de responsabilidades políticas, pero tamén da responsabilidade dos medios de comunicación, que non só reproducen e reforzan uns cánones, uns modelos e uns productos culturais alleos á nosa cultura, relegándoa á condición de subsidiaria e periférica, senón que contribúen á atomización e consecuente debilitamento do sistema cultural galego. Tamén se mencionou no Foro o feito de que os xornais sitúen a información cultural con moita frecuencia nas páxinas locais, de maneira que temos máis cómodo acceso á información dos actos culturais que se celebran en Madrid que os que se poidan celebrar noutra localidade galega distinta daquela na que residimos. Esta dificultade de acceso ás noticias culturais galegas é unha manifestación da marxinación que sofre a nosa cultura. Tal e como se di no informe dunha das áreas do foro, os cidadáns galegos reciben, sen demandala a cultura hexemónica de masas en castelán, mentres que para acceder á cultura do seu país precisan dun esforzo económico e educativos que está fóra do alcance da maioría. No mesmo informe denunciábase a marxinación da cultura galega nos medios privados e públicos, fóra da concepción folclorista de cultura como espectáculo”

 

Esta evolución no concepto de cultura, que pasa de ser unha defensa dos valores patrimoniais a un caixón de xastre onde cabe calquera iniciativa (particularmente se esta está avalada por multinacionais do espectáculo), ten o seu reflexo nas páxinas dos medios de comunicación galegos onde Shin Chan, Doraemon ou Britney Spears comparten espazo con Isaac Díaz Pardo, as novidades editoriais de Galaxia ou o espectáculo musical Dillei de Carlos Blanco e Ugia Pedreira. A cultura galega difumínase entre os múltiples produtos importados desta mundialización cultural e a presenza dos riscos propios pasa a ser testemuñal. A esta globalización da información cultural, debemos sumar o fenómeno da “glocalización” que fragmenta os contidos informativos segundo a súa comarca de orixe, relegando cada vez máis a información cultural ao eido exclusivamente local. A localización informativa, marcada especialmente na prensa galega no caso de La Voz de Galicia e as súas catorce delegacións provoca que a información cultural apareza decote nas páxinas locais, co que se cingue o acceso dos lectores á cultura da súa comarca. A ubicación física do CCG en Santiago de Compostela provoca a súa presenza recorrente en El Correo Gallego, La Voz de Galicia e Galicia Hoxe (primeiros tres postos do ránking informativo de 2003) reafirmando así unha tendencia xa histórica de máxima atención dos xornais editados na capital de Galicia. O resto das cabeceiras da prensa galega figuran a gran distancia dos xornais capitalinos, o que nos demostra que a gran fragmentación local afecta dun xeito importante tamén á temática cultural. Esta circunstancia vén reafirmar os datos do seguimento de cultura realizado pola Sección de Comunicación en que xa se puña de manifesto esta tendencia localista. Así, este estudo destaca, por un lado a “falta de autoridade da sección de Cultura dentro do xornal en que os contidos se dispersan por distintas seccións da publicación” e, polo outro, a “prioridade do ámbito local (46,8%) como unha tendencia importante da información cultural”.

 

Neste contexto resulta máis doado comprender a propia evolución mediática do CCG. O carácter máis, se queremos dicilo así, reivindicativo na defensa da cultura propia dos primeiros anos tras a instauración da democracia deu paso a un traballo tanto de investigación histórica como de fomento multidisciplinar que permita á cultura propia poñerse á altura dos produtos da cultura global. Do labor máis político liderado polos primeiros presidentes, especialmente Piñeiro que viña el tamén do foro parlamentar, pásase a un ámbito máis orientado na investigación e difusión cultural. Isto explica que gañe espazo na prensa a nivel cuantitativo pola multiplicación do número de actividades que organiza pero a nivel cualitativo quede neutralizada dado o crecemento da oferta de ocio, cultura e espectáculos. As razóns, tal e como vimos poñendo de manifesto, condúcennos a factores endóxenos –a propia dinámica do CCG- e outros esóxenos como o incremento do interese das seccións culturais dos medios, a perda de peso institucional nas noticias culturais, un estadio máis normalizado da cultura propia, a proliferación da globalización cultural nos medios ou a multiplicación de fontes “autorizadas”. Durante estes vintecinco anos de vixencia democrática e vinte anos de existencia do CCG, o contorno social, mediático, cultural e político mudou extraordinariamente polo que esta institución e os medios de comunicación como construcións simbólicas colectivas viviron tamén cambios relevantes. No eido cultural evidéncianse máis claramente  fenómenos como a “glocalización”, o aumento do interese mediático desta temática ou a proliferación de fontes que afectan directamente á presenza do CCG na prensa.  Xunto a estes condicionantes relacionados coa actividade mediática debemos sinalar a propia evolución social en Galicia, a progresiva normalización da cultura propia que fai que o carácter reivindicativo inicial provocado pola saída dunha ditadura, perda peso e se transforme en estudos en profundidade e consolidación como factoría cultural. Malia que quede aínda moito traballo por facer, especialmente cando a tendencia dos medios de comunicación, tal e como se puxo de manifesto nos dous encontros Cultura e Medios de Comunicación organizados pola Sección de Comunicación do CCG celebrados en 2001 e 2003, sexa a atención desmedida a produtos culturais vendidos polas factorías de Hollywood, Madrid e Londres en detrimento da cultura propia.


BIBLIOGRAFÍA

 

-Álvarez Pousa, Luis: “Da cultura do cemento á cultura da comunicación”. En Blanco Torrado, Alfonso e López Rodríguez, Manuel: Doce anos na busca da nosa identidade [1ª ed.].-- [Guitiriz] : Asociación Cultural Xermolos, D.L. 1991.-- P. 149-153. COMPROBAR CITA

-Álvarez Pousa, Luis (1991): Prensa ameazada, desde a Transición ó Fraguismo, Edicións Lea

-Campos Freire, Francisco: A reconversión da prensa en Galicia (1982-1992). A transformación das estructuras empresariais e profresionais do sector, Tese doutoral dirixida por Xosé Ramón Barreiro e Margarita Ledo. Santiago: USC

-Fernández Freixanes, Víctor: Unha ducia de galegos. Vigo: Galaxia, 1982

-Foro da Cultura:  “Conclusións dun primeiro debate no Foro da Cultura. Fronte ó discurso consevador dos medios” en Tempos Novos, n.52, setembro de 2001

-García Orosa, Berta (2003): Os gabinetes de comunicación na Galicia do século XXI. Tese doutoral dirixida por Xosé López García. Santiago de Compostela: USC

-Gellner, Ernest (1993): Cultura, identidad y política. El nacionalismo y los nuevos cambios sociales. Gedisa editorial, p.29

-Gomis, Lorenzo (1991): Teoría del periodismo. Cómo se forma el presente, Barcelona: Paidós Comunicación, 1991

-López, Xosé (2000) : A prensa do terceiro milenio. Santiago:  Edicións Lea.

-López, Xosé (coord.) (2003): “A información cultural en Galicia”: Informe anual da Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega

-Luckman e Berger (1984): La construcción social de la realidad. Amorrortu, ed. B. Aires

-Máiz, R. (coord.) (2004): “Identidade colectiva e medios de comunicación” de La Voz de Galicia

-Máiz, R. (2004): ”La construcción mediática de la nación: marcos interpretativos identitarios en la prensa gallega (1977-1981)” en Sampedro Blanco, Víctor Fco (2003): La pantalla de las identidades, medios de ocmunicación, políticas y mercados de identidad. Icaria, Barcelona

-Sánchez Noriega, José Luis (1997): Crítica de la seducción mediática, Tecnos, Madrid

-North (1990) en Roig Sánchez, Blanca Ana e Filgueira López, Ester: “O marco interpretativo no ámbito político-simbólico: a información sobre o 25 de xullo en La Voz de Galicia (1977-1996) en Máiz, Ramón (director): Identidade colectiva e medios de comunicación. La Voz de Galicia 1977-1996, A Coruña, 2004, 283

-Pérez, Marcos Sebastián (2004): A contribución dos xornais ao proceso de construcción identitario. TIT lido na USC o 13/07/04

-Pérez, Marcos Sebastián (2004): “A prensa, motor do cambio social, construtora da realidade. O papel da prensa galega na construción da autonomía de Galiza e no fortalecemento da democracia no proceso de Transición Política Española (1975-1981)” en VI Congresso Lusocom de Ciências da Comunicaçâo, Covilhá, 2004

-Navaza, Gonzalo: “Una mirada interdisciplinar, comunicación, cultura, identidade”. Tempos Novos. Número 44 (xaneiro 2001)

-Tamir, Y (1993) en Máiz, Ramón: “A reconstrucción teórica do nacionalismo e as demandas políticas da democracia” en Grial, n 138, tomo XXXVI, 1998, p.189-190

-Tuchman, Gaye (1983): La producción de la noticia. Gustavo Gilli, Barcelona

-Van Dijk, Teum (1990): La noticia como discurso. Paidós, Barcelona

-Vasilachis, Irene: Discurso político y prensa escrita. Un análiseis sociológico, jurídico y lingüístico,  Barcelona: Gedisa editorial,

 

 



[1] A metodoloxía de traballo consiste nun baleirado de contidos dos diferentes medios escritos (prensa tradicional e electrónica) e audiovisuais (radio e televisión) levado a cabo en dúas etapas durante dous meses ao ano. En ámbolos dous casos analizouse un día cada semana. Os medios consultados foron os seguintes: os xornais Atlántico Diario, Diario de Arousa, Diario de Ferrol, Diario de Pontevedra, El Correo Gallego, El Ideal Gallego, El Progreso, Faro de Vigo, O Correo Galego (sendo substituído na segunda etapa polo diario Galicia Hoxe), La Opinión, La Región e La Voz de Galicia; os xornais dixitais galiciadiario.com, vieiros.com e xornal.com; a Radio Galega e as desconexións para Galicia de Cadena Cope, Cadena Ser, Onda Cero e Radio Nacional de España; Televisión de Galicia, Televisión Española en Galicia e Antena 3 Televisión na súa desconexión para a nosa Comunidade, completan o mapa de medios.

 

[2] North (1990) en Roig Sánchez, Blanca Ana e Filgueira López, Ester: “O marco interpretativo no ámbito político-simbólico: a información sobre o 25 de xullo en La Voz de Galicia (1977-1996) en Máiz, Ramón (director): Identidade colectiva e medios de comunicación. La Voz de Galicia 1977-1996, A Coruña, 2004, 283

[3] García Orosa, Berta:  “Os gabinetes de comunicación na Galicia do século XXI” . Santiago de Compostela, USC, 2003

[4] Foro da Cultura: Reuniu en diversas xornadas de traballo a medio cento de persoas de diversas disciplinas que se artellaron en torno a tres mesas: a cultura mediática, a cultura xornalística e a cultura pública. Os informes de cada unha das mesas foron publicados no número 52 da revista Tempos Novos de setembro de 2001