O papel da prensa galega na construción da autonomía de Galicia durante a Transición Política Española (1975-1981)

 

Marcos S. Pérez Pena. Universidade de Santiago de Compostela

 

Resumo: Os medios de comunicación non funcionan a xeito de espello da realidade: créana, entre outras cousas a través de procesos de enmarcamento (framing) da actualidade. En momentos de mudanzas na sociedade: políticas, ideolóxicas ou de maneiras de vivir, pódense converter (conscientemente ou non) no principal motor do cambio ou, pola contra, servir de freo ou áncora a esas mudanzas (por causas estruturais ou debido a presións externas). Durante o proceso democrático español (1975-1982), os principais xornais de Galicia lideraron a partir dun certo momento os desexos de cambio e axudaron a construír unha identidade nacional galega. Nalgunhas cabeceiras (La Voz de Galicia, El Ideal Gallego) a conciencia do seu papel xurdiu máis cedo, pero finalmente, por diversos motivos (presión social, autoconvencemento dunha xeración de xornalistas novos e comprometidos, así coma a propia conveniencia económica das empresas) todos os xornais acabaron por aceptar a Galicia como unidade diferenciada do resto do Estado Español, con dereito ao seu autogoberno. Esta actitude fíxose explícita durante as negociacións do Estatuto de Autonomía, nas que a prensa galega serviu de altofalante das mobilizacións populares en contra dos intentos de limitar a autonomía galega.

 

 

Os medios como construtores da realidade

A realidade constrúese socialmente. Máis aló da existencia como feito obxectivo, que en si mesma significa unha utopía ao non poder ser aprehendida de xeito absoluto, a realidade que o home coñece e sobre a que elabora as súas representacións é resultado dun proceso cognitivo (Luckman e Berger, 1984). Deste xeito, podemos distinguir entre tres niveis de realidade: a realidade social obxectiva (o mundo obxectivo que existe fóra do individuo), que é aprehendida polos seres coma algo que non necesita verificación e non dubidamos dela, permitíndonos levar a cabo os actos de existencia cotiás; por outra banda, a realidade social simbólica, consistente nas distintas formas de expresión simbólica da realidade obxectiva, coma os mass media, por exemplo; e, por ultimo, a realidade social subxectiva, que ten como inputs ás outras dúas realidades: a realidade obxectiva e á súa representación simbólica. Así pois, os medios constrúen a realidade percibida polos integrantes da sociedade a través da substitución do entorno onde se produce o acontecer por aquel outro no que se manexan os datos, establecendo deste xeito o tránsito dende o nivel existencial onde se transforma o mundo ao nivel cognitivo onde se modifica o coñecemento sobre ese mundo.

O proceso que finalmente levan a cabo os medios á hora de elaborar e difundir a súa versión da realidade non significa en ningún caso inventar as noticias, e a maior parte das veces non emprega xéneros argumentativos ou técnicas de persuasión directa. Máis ben, os medios contextualizan, enmarcan a actualidade, escollen dar unha visión e non outra. Os medios de comunicación desempeñan, pois, un papel central no enmarcamento interpretativo (framing) da realidade. A noticia constitúe así o resultado dun proceso de interpretación, selección e priorización, que orienta a realidade que percibe a audiencia nun senso ou noutro e dese xeito orienta a acción social.

O poder dos medios para enmarcar a realidade, para decidir o que é noticia e o que non, para definir sobre qué debemos pensar, non debe levarnos a crer que os efectos dos medios son absolutos e imparables. Numerosos estudos teñen demostrado que o efecto de reforzo nas actitudes dos receptores é maior que o efecto de conversión (Klapper, 1974). É dicir, que a xente tende a ler, contemplar e escoitar os medios de comunicación máis acordes cos seus propios puntos de vista; e ademais, que cando recibe mensaxes de medios que difiren deles, tende a percibilos dunha maneira selectiva, retendo en maior medida o que favorece aos seus propios puntos de vista.

 

Os medios como axentes de cambio social: A Transición

Os medios provocan sempre grandes cambios na sociedade, sobre todo nun contexto democrático, onde se converten no maior instrumento de socialización e o principal axente de cambio social (De Fleur e Ball-Rokeach, 1982). Ademais, os xornalistas participan sempre como actores nos conflitos políticos que se establecen na sociedade na que están inmersos (Borrat, 1989). O potencial de cambio dos medios é maior nos momentos de grandes mudanzas políticas e sociais, como foi a Transición Política no Estado Español na segunda metade dos anos setenta; e tamén nestas situacións cobra maior importancia a participación dos xornalistas como suxeitos actanciais nos conflitos políticos. Nestas intervencións (servindo como escenario para o diálogo, definindo e amplificando as preocupacións sociais...), os xornalistas non buscan acadar o poder, senón máis ben influír sobre el, a xeito de asedio (Habermas, 1987). Os medios cumpren así un papel fundamental para o funcionamento da Democracia, mantendo á Opinión Pública ao tanto da actualidade e favorecendo a mobilización da sociedade e a súa cohesión. Os xornalistas son os garantes, deste xeito, do dereito dos cidadáns a estaren informados (recollido no artigo 20 da Constitución de 1978).

Nas transicións cara á democracia hai ocasións en que a prensa non só cumpre un importante papel no proceso de apertura da información á opinión pública grazas ao seu rol de referente común e accesible aos principais actores colectivos e individuais e polas súas accións de presión aperturista (demandas, proposta de medidas, proposta de cronograma político...), senón que ademais contribúe á reconstrución das identidades partidarias, á formación de liderados, así coma ao desempeño das funcións básicas de intercambio e recoñecemento mutuo das elites políticas nun sistema partidario en formación ou reforma (Nohlen e Figueira, 1994). Así, en España, a prensa asumiu funcións de artellamento político que en condicións institucionais normais deberían ter correspondido aos partidos políticos, converténdose no que se coñece como parlamento de papel (Sánchez Noriega, 1997; Renaudet, 2003).

Tras a morte de Franco, a perda do monopolio da iniciativa e control políticos por parte do réxime (mercé ao relaxamento da censura de prensa e á lexislación liberalizadora de 1977 e 1978), permitiu que os medios de comunicación de masas acadasen unhas cotas de influencia na vida política e importancia e protagonismo social como nunca coñeceran. Deste xeito, segundo autores como Helmut Bischoff, ao longo da Transición a prensa foi progresiva e intensamente pasando dunha situación na que constituía o suxeito pasivo do control, a exercer o seu propio control sobre o proceso. O seu posicionamento político tamén foi variando: na fase inicial a prensa actuou como un promotor do cambio, sobredimensionando a forza da oposición e a magnitude das manifestacións. Na fase seguinte, posterior á aprobación da Lei de Reforma Política por parte das Cortes franquistas, a prensa baixou o seu énfase na oposición e na forma como expresaba a súa crítica, favorecendo así as opcións moderadas e a Reforma ou Ruptura Pactada.

O fenómeno máis importante da Transición foi o cambio social, o cambio como obxecto semiótico, xerador de discursos, e á vez destinador recoñecido da meirande parte das producións discursivas do discurso público (Imbert, 1990). O cambio político experimentado naqueles anos viuse imbricado, ademais, cunha gran mudanza social, iniciada nos anos sesenta. A sociedade tradicional foi substituída nun prazo moi curto tempo por un novo tipo de sociedade, chamada postindustrial ou postmoderna, un proceso que no resto de Europa se desenvolveu de xeito máis ordenado, tras o fin da Segunda Guerra Mundial (Bell, 1991). A transformación, que afectou a todos os ámbitos da sociedade (economía, hábitos e costumes, discursos, institucións sociais...), foi moito máis traumática en Galicia, que nos anos sesenta aínda mantiña en moitos aspectos unha estrutura social e económica precapitalista, con sete de cada dez traballadores dedicados a actividades do sector primario. En menos de dúas décadas, o sector primario galego reduciu á metade a súa dimensión e a zona rural despoboouse, producindo esta migración interna un crecemento vertixinoso e incontrolado das cidades. Todo isto, ademais, acompañado dun veloz cambio nas formas de pensar, de ver o mundo, con novas necesidades e novas prioridades.

E toda esta mudanza social, no medio dunha gran mudanza política: o fin de corenta anos de ditadura e centralismo, para dar paso á democracia a ao Estado das Autonomías. Democracia e Autonomía eran naqueles anos (e continúan a selo) dous conceptos inseparablemente ligados. En Galicia, Euskadi e Catalunya, a loita por acadar a democracia era ao tempo unha loita polo recoñecemento dos seus dereitos como pobo, como nación, e viceversa. Ademais da lexitimidade que lles conferían o seu autorrecoñecemento como nación e as súas características obxectivas, as súas reivindicacións apoiábanse na lexitimidade histórica de teren exercido ou cando menos aprobado legalmente o seu réxime de autonomía antes da Guerra Civil.

O éxito da operación política da Transición, baseado no consenso e na cooperación entre partidos, non debe facer esquecer que aínda que quizais o resultado acadado naquel momento foi o mellor dos posibles, non foi perfecto. En primeiro lugar, cómpre salientar a relegación que padeceu a sociedade civil ao longo de todo o proceso, durante o que se debilitaron os movementos sociais e se permitiu a pervivencia de determinadas estruturas e realidades sociais herdadas da ditadura ou mesmo de períodos anteriores: o clientelismo político, o control partidista dos medios de comunicación, a rixidez e a falla de dinamismo da estrutura económica, o non recoñecemento da realidade plurinacional do Estado, a indefensión da sociedade civil ante o poder (público e privado), a rixidez das estruturas e hábitos sociais (modelos de familia, ausencia de recoñecemento social dos dereitos da muller e dos homosexuais), a ausencia dun concepto de desenvolvemento sostible... Para autores como Imbert ou García Calvo, o que caracteriza á Transición como período é que o cambio nunca ten lugar: ten cabida no discurso mais non nas prácticas; ten valor de intercambio, pero non valor de uso (García Calvo, 2000; Imbert, 1990). A pervivencia de moitos dos problemas que reclamaban unha solución derivou nunha crise da identidade colectiva (o desencanto dos anos 1979-81) e manifestacións anómicas nos anos oitenta, a metade de camiño entre a crítica social e a marxinalidade. En Galicia esta crise anómica foi mesmo maior, debido á especificidade social do noso país (crise económica, modernización tardía e desordenada) e á frustración xerada polo debate autonómico, no que os partidos maioritarios tentaron limitar o Estatuto galego (o aldraxe). A Transición pechouse, polo tanto, deixando sen resolver moitos e importantes problemas da sociedade española, e moitos procesos abertos, como o da definición do modelo de Estado, que urxe unha reforma que inclúa un efectivo recoñecemento da realidade plurinacional do Estado Español. 

 

A prensa en Galicia

Os cambios políticos e sociais da Transición (novos discursos, novos actores) trouxeron consigo o xurdimento de novos medios de comunicación e a desaparición de moitos outros existentes anteriormente. Así, en Madrid apareceron El País ou Diario 16, en Catalunya El Periódico ou Avui, e en Euskadi Deia ou Egin. O seu crecemento nos seus primeiros anos de existencia foi moi rápido, xa que a lexitimación que lles confería o feito de naceren libres da mancha da conivencia co franquismo converteunos en mediadores para decidir os puntos de referencia acreditados na nova situación política. En Galicia, en cambio, non chegou a callar ningún dos proxectos destinados a crear un novo xornal, debido na meirande parte dos casos á febleza das estruturas empresariais que sostiñan as iniciativas. Polo camiño ficou o Galicia de Díaz Pardo, e tamén os semanarios Teima (1976-77) ou Man Común (1980-81), e dos proxectos xurdidos naqueles anos tan só frutificou o recuperado semanario A Nosa Terra (1978).

Cómpre salientar que en Galicia, durante a Transición, creceron os índices de lectura de prensa (aínda que seguiron sendo moi baixos) e, ademais, que a prensa de Madrid conseguiu introducirse moi a modo nas cidades galegas (debido á aparición de novas cabeceiras -El País e Diario 16- e ao desenvolvemento das súas redes de distribución), aínda que as cabeceiras propias seguiron sendo moi maioritarias. Con todo, este proceso de expansión da prensa madrileña e o propio proceso de expansión rexional de La Voz de Galicia obrigaron aos xornais locais do noso país a tomar decisións para posicionarse nos seus propios mercados (Campos, 1993). Polo tanto, as cabeceiras galegas tiveron que levar a cabo un dobre proceso de reconversión, en primeiro lugar a adaptación ao novo marco político/institucional, e segundo, a súa adaptación económica, empresarial e tecnolóxica ao novo sistema de medios.

As empresas xornalísticas galegas eran na súa meirande parte pequenas, de propiedade familiar e cunha actividade escasamente diversificada, así que durante estes anos os xornais non só tiveron que renovar as súas redaccións, obradoiros e deseños, senón que se viron obrigados a modificar tamén parte da súa estrutura empresarial. Porén, as cabeceiras locais galegas foron finalmente capaces de consolidarse nos seus mercados cun produto mellorado, grazas sobre todo ao eficaz traballo dunha nova xeración de propietarios, descendentes dos fundadores, que accedeu á presidencia dos xornais no momento oportuno e que contou coa colaboración de magníficos directores profesionais (en Álvarez Pousa, 1999). Ademais, ao longo dos anos oitenta, os xornais obtiveron un importante apoio económico da administración autonómica. Aínda que nun primeiro momento as cabeceiras galegas recibiron con frialdade e escepticismo a autonomía, agás excepcións como La Voz de Galicia ou El Ideal Gallego, a medida que a Xunta se foi consolidando como institución todos os xornais aceptárona con ilusión. Con todo, para moitos autores esta conversión rexionalista da prensa galega respondeu tan só a intereses económicos, á expectativa de obter grandes beneficios materiais da autonomía (Luca de Tena, 1990).

 

A contribución dos medios á construción da identidade nacional galega

A meirande parte das actuais liñas de investigación e pensamento converxen en afirmar a non naturalidade da nación, o seu carácter de produción política e social en contextos que posúen unha inicial matriz de etnicidade diferenciada. Polo tanto, a identidade colectiva é unha construción, un proceso. Para Mancini, o gran teórico do nacionalismo liberal, a patria era “antes que nada a Conciencia da Patria”, que se manifestaba “cara a dentro e cara a fóra”, constituíndo a nación deste xeito un plebiscito cotián (en Máiz, 1997).

Os medios de comunicación transmítenos representacións e mensaxes de quén somos e a qué grupos pertencemos. A través do seu consumo aséntanse e constrúense tanto a nosa identidade individual, coma a nosa identidade colectiva, entendida como un sentimento de pertenza a un grupo cun pasado e futuro comúns (Sampedro, 2003). Polo tanto, os medios de comunicación son hoxendía o instrumento máis importante de construción da identidade nacional, unha hipótese que foi recollida por moitos autores, entre eles Lucien Pye, que tratou o papel que xogan os medios de comunicación no xurdimento de novas nacións. O autor aseguraba que no proceso de desenvolvemento político nacional persiste o interese do vecindario (o próximo) pero agora debe ser relacionado co interese nacional (Pye, 1963).

Dado que a única cadea de televisión existente (TVE) difundía tan só a visión que se tiña en Madrid da realidade galega, eran a radio e, sobre todo, a prensa do noso país quen debían elaborar un discurso propio, aportando a visión galega sobre o proceso democratizador e sobre o debate ao redor da configuración do modelo de Estado. Os nosos xornais debían exercer como voceiro da sociedade e dos políticos galegos, actuar como un elemento integrador e mobilizador e informar sobre os acontecementos e procesos que podían afectar a Galicia, enmarcándoos na tarefa de construción do país. Porén, malia a (cativa) presión da cidadanía e dos xornalistas máis novos e comprometidos, a meirande parte das cabeceiras galegas aceptaron con moita lentitude os cambios, tanto os que ían configurando un sistema democrático no Estado, coma os que especificamente en Galicia presionaban a prol da autonomía do país. En xeral, os medios (agás nalgún momento La Voz de Galicia e El Ideal Gallego) foron por detrás da sociedade adaptándose por pura inercia á realidade e aos feitos consumados. As razóns podemos atopalas na estrutura de propiedade da meirande parte das cabeceiras, dominadas por familias moi vencelladas ideoloxica e economicamente á ditadura, moi aferradas ás súas limitadas parcelas de poder local, e por ambos motivos moi pouco atraídas polo cambio e pola tarefa de construción de Galicia.

La Voz de Galicia foi a primeira cabeceira que inseriu no seu temario a Galicia como actor representativo de todos os cidadáns do país. A xestión de Francisco Pillado á fronte do xornal na maior parte da década dos setenta propiciou a aparición dun discurso galeguista ou que polo menos tomaba a Galicia como centro. A consecuencia máis visible desta estratexia foi a creación da sección Galicia (xa durante a dirección de Juan Ramón Díaz), espazo que concentraba todas as noticias ocorridas no país, en troques de que estas aparecesen distribuídas por varias seccións de carácter máis local. Para Ramón Máiz, La Voz de Galicia levou a cabo procesos de enmarcamento (framing) da realidade co obxectivo de reforzar a conciencia autonomista dos cidadáns galegos, a conciencia da súa propia identidade. Para Máiz, o xornal coruñés denunciou un problema, unha contradición normativa entre o ser e o deber ser: a marxinación/descriminación de Galicia, e artellou todo o seu discurso en torno a el. En consecuencia, procedeu a enmarcar a actualidade nestes parámetros, co obxecto de dotar ao problema de constatación empírica e, mediante unha certa dramatización, tentou chamar a atención da opinión pública sobre os perigos e dificultades que soportaba a autonomía de Galicia. Asemade, interpelou ao pobo cara ao autorrecoñecemento, a estar á altura da súa natureza nacional, chamando a atención sobre a transcendencia dos acontecementos que estaban a vivir e sobre os que tiñan a capacidade de decidir, apelando á súa responsabilidade moral (Máiz, 2004).

Nas principais cabeceiras galegas, ao longo de 1979 a presenza de Galicia como actor representativo de todos os cidadáns do país, como espazo único de acción, padecemento ou reivindicación, pasou de significar niveis mínimos nos primeiros meses a obter un recoñecemento moito máis importante no final do ano. Galicia configurouse en base a procesos de identificación, superando os fortes e moi protexidos localismos, e de diferenzación, de alteridade, afirmando a especificidade obxectiva e consciente do noso país e do noso pobo. Un dos motores deste proceso foi o debate estatutario, que ao longo de todo o ano 1979 penetrou de xeito gradual nos temarios. Lentamente ao comezo (as negociacións da comisión dos dezaseis pasaron desapercibidas para a prensa) e con gran vigor e apaixonamento en novembro e decembro, durante a discusión do Estatuto nas Cortes.

 

 

O papel da prensa galega durante 1979: cara ao Estatuto de Autonomía

Os xornais galegos foron un dos escenarios (quizais o principal) da loita electoral entre as distintas forzas políticas ante os comicios xerais de marzo e as municipais de abril de 1979. Tamén foron a area para a enfervorizada polémica sobre cal debería ser a capital de Galicia (Santiago ou A Coruña) e, por suposto, gran parte do debate ao redor do carácter do Estatuto de Autonomía desenvolveuse nas páxinas da prensa. Nos diarios tiñan entrada os comunicados dos partidos, entrevistas aos principais líderes, artigos de opinión dos protagonistas (tribunas) ou roldas de prensa, pero sen dúbida o discurso máis interesante, profundo e máis axustado á realidade era o que se lía nas crónicas de actualidade política, que servían para enmarcar todos as noticias publicadas polo xornal, moitas veces inseridas de xeito caótico e sincrético. La Voz de Galicia foi pioneira ao publicar, de xeito semanal, as crónicas sobre a actualidade política galega de Luís Álvarez Pousa, tituladas ao comezo Galicia Preautonómica e despois (tras a constitución da Xunta) Galicia Autonómica. No Faro de Vigo era Fernando Ramos quen se ocupaba de facelas (até que o xornal vigués suprimiu a súa publicación, para “non interferir na realidade”), e en El Ideal Gallego Xosé A. Gaciño publicaba semanalmente a súa Galicia Política. En El País, evidentemente, non existía unha crónica política fixa sobre Galicia, pero era raro o día que o xornal madrileño non publicaba aínda que fosen algunhas liñas sobre a política do país. Nestes casos eran Perfecto Conde, sobre todo, ou tamén Gerardo Martín, os encargados de relatar o que se movía.

O interese informativo dos primeiros meses de 1979, unha vez aprobada a Constitución en decembro do ano anterior, eran as eleccións xerais de marzo e locais de abril, nas que en Galicia a esquerda e as forzas nacionalistas aspiraban a poñer fin ao abrumador dominio da UCD. Con todo, a loita máis feroz tiña lugar no interior dos propios partidos, sobre todo en UCD e no PSOE, con constantes pelexas para decidir as listas electorais, ameazas de escisión e dimisións. Gran parte do debate e da loita entre as distintas faccións librábase nas páxinas dos xornais, que cada día relataban o sucedido en asembleas e reunións, públicas ou secretas. Tal era a repercusión do publicado polos xornais que o día 23 de xaneiro, o Faro de Vigo insería na súa portada unha nota editorial titulada “Ante a campaña electoral”, na que anunciaba a súa renuncia a informar sobre o tema:

De “tormenta electoral en Galicia” cualificábamos o pasado domingo o panorama nos distintos partidos ou coalicións electorais (...) Unha boa parte das informacións que puideramos recoller sobre disidencias, renuncias ou abandonos puidera nunha boa medida danar a este ou a aquel partido (...) Por iso, FARO DE VIGO, que persegue unha imaxe de total independencia, renuncia á publicación de informacións ou comunicados sobre os acontecementos referidos e limitará, a partir de agora, a súa actuación en canto a materia electoral a dar conta do que en mitins ou actos públicos sinalen tales candidatura ou a inserir a publicidade política que as mesmas nos fagan chegar, a través das canles habituais.

 

Así pois, o Faro de Vigo renunciaba a informar, renunciaba a cumprir a súa función: contarlle á sociedade o que sucedía. E facíao empregando o argumento de que a súa actividade podía influír na realidade. O feito era grave, pero o era aínda máis que o xornal puidese considerar que o argumento dado para retirar a súa crónica política era válido ou que podía ser comprendido por alguén. Toda actividade dun xornal, todo o que difunda, por ser público e por chegar a milleiros de persoas vai influír na realidade. Renunciar a iso significa renunciar ao exercicio do xornalismo e ao dereito á información que posúe a cidadanía. As razóns sen dúbida foron outras (a postura de Fernando Ramos en certos asuntos era moi crítica con UCD e PSOE e por veces aliñaba as súas teses coas dos partidos nacionalistas, nomeadamente UG[1]), pero a cuestión foi que os lectores do Faro quedaron orfos dunha fonte moi importante de información sobre a actualidade política, tendo que contentarse dende ese momento co intercambio de comunicados oficiais dos partidos e cos artigos de opinión, escritos maioritariamente dende Madrid.

Mentres isto sucedía nos dous grandes partidos do Estado, no eido nacionalista o principal asunto informativo nos primeiros meses do ano era a posible formación dunha ampla coalición que abranguería a POG, PSG, PG e pode que mesmo ao PGP[2] de Méndez Ferrín. A coalición foi recibida con moita esperanza por unha gran parte da sociedade galega e pola meirande parte dos xornalistas, sobre todo polos cronistas políticos, que non o ocultaban nas súas informacións. O sete de xaneiro, Gaciño dicía sobre a UG aínda non nata: “A formación desta fronte electoral podería ter repercusións importantes no aglutinamento dun sector da opinión pública favorable a dar un contido nacionalista ao proceso autonómico”. O mesmo día, no Faro de Vigo, Fernando Ramos, na súa Crónica Política de Galicia, falaba da coalición PSG-POG-PG como cousa feita:

Tras a reunión celebrada en Santiago de Compostela o venres, os Reis Magos trouxéronnos aos galegos un particular agasallo: a posibilidade de que organizacións nacionalistas, marxistas e doutra composición de fondo, fosen capaces de poñerse de acordo, para intentar que a nosa terra, por primeira vez dende a Segunda República teña unha voz propia nas Cortes do Estado.

 

Ramos salientaba as dificultades que tivera que vencer a coalición para chegar a formarse: “os escrúpulos do sector máis moderado do galeguismo e o radicalismo, moitas veces meramente verbal, doutros”. E engadía que:

Algúns dos 198 ex militantes do PSG que pasaron ao grupo de Modesto Seara en tren do colectivo socialista está facendo exame de conciencia. Ao igual que na parábola do fillo pródigo examinan a súa situación actual e consideran a posibilidade  de retornar á casa do pai, neste caso o nacionalismo.

 

En paralelo á formación de Unidade Galega, o dez de xaneiro comezárase a falar na prensa do chamamento Pra facermos xuntos un país, apoiado por máis de mil sinaturas[3], que publicou o seu manifesto en varios xornais:

Galicia precisa dunha  voz política propia e unha representación galega nas institucións públicas do poder estatal, nos concellos, nas deputacións e nas vindeiras institucións do poder galego. Galicia precisa dunha unidade das forzas políticas para traballaren xuntas na representación e organización política do País, na construción do noso futuro máis inmediato.

Unha FRONTE ELECTORAL UNIDA

 

Finalmente, o 18 de xaneiro presentábase Unidade Galega, denominada en El País “primeira coalición galeguista”. O xornal madrileño tamén afirmaba que a iniciativa respondía “ao recente chamamento á unidade feito público por unhas 1.500 persoas”.

A posición dos xornais estudados perante á dobre convocatoria electoral foi de aparente neutralidade, o que non evitaba que a súa liña editorial estivese próxima ou fose máis favorable a unha ou outra forza. O que non fixo case ningún xornal foi pedir o voto de forma explícita para ningún partido ou ideoloxía. Agás o Ideal: o 21 de febreiro, El Ideal Gallego pedía o voto (de xeito tácito pero claro) para UCD, a través dun artigo editorial na súa páxina tres, titulado “Voto útil ou marxismo”:

Mentres o PSOE teña no seu programa unha declaración explícita de marxismo, a ela temos que atermos. E nada se diga dos partidos que quedan á súa esquerda (...) Tire cada un as súas conclusións, pero nós cremos que o problema está establecido exactamente nestes termos (...) e consiste estritamente en votar ao partido que estea colocado en mellores condicións para impedir que o futuro político inmediato sexa marxista. Así de claro (...) Ao publicar este editorial, somos plenamente conscientes de que haberá quen o interpreten mal. Unha vez máis poñerase en dúbida a nosa independencia. Pero a independencia consiste en non escribir ao dictado de ninguén, nin en silenciar a opinión propia cando hai o grave deber de dala.

 

Finalmente, as eleccións deixaron as cousas máis ou menos da mesma maneira, aínda que en Galicia UCD cedeu algúns deputados en beneficio do Partido Socialista. O 3 de marzo, El País, na súa conclusión sobre os resultados en Galicia, titulaba: “Decepción entre a esquerda e os nacionalistas”. Perfecto Conde, na súa información contaba que:

Galicia espertou onte cun marcado sentimento de frustración nos políticos de esquerda. O avance cuantitativo dos votos nacionalistas, socialistas e mesmo comunistas (...) non lle serviu esta vez tampouco a Galicia para levar ao Parlamento español a voz propia que os seus habitantes viñeron reclamando (...) Galicia convértese así no único país español que non vai estar representado nas Cortes con voz nacionalista.

 

Neste senso, o 9 de maio El Ideal Gallego publicaba un editorial titulado “Galicia, sen voz propia no Congreso”, no que se laiaba de que mentres que Catalunya, Euskadi e Andalucía ían ter grupos parlamentarios propios nas Cortes, Galicia ficaba sen el, unha vez máis, debido ás presións de UCD e PSOE para que os seus parlamentarios galegos desistisen no seu intento de crear grupos parlamentarios autónomos. Estas intencións, no PSOE, en concreto, para El Ideal “chocaran co colchón centralista da férrea executiva madrileña”.

O éxito de UG coincidiu cun ascenso xeral do nacionalismo periférico en todo o Estado (PSA, HB, EE, PNV ou o nacionalismo canario), aínda que nos xornais de ámbito estatal case non se mencionaba a Unidade Galega. Porén, si tivo moita repercusión na prensa galega. Por exemplo, o editorial de El Ideal Gallego do xoves 5 de abril salientaba o ascenso de UG como a lectura máis importante das eleccións:

Malia ter presentado un número reducido de listas en toda Galicia, logrou unha presenza importante nesa zona máis promocionada da rexión e que dalgunha forma se pode converter nunha forza mediadora, tanto entre a dereita e a esquerda, como entre nacionalistas e ‘españolistas’ (...) case de súpeto, esta agrupación viuse agasallada cunha atención case carismática (e perdóese a esaxeración) que até agora ningún outro partido, malia os seus moitos medios, acadara.

 

Sobre este asunto, o intelectual Agustín Sixto Seco escribiu na terceira páxina de El Ideal Gallego un artigo titulado “O Galeguismo, do soño á realidade política”:

A xente galega, os homes e mulleres desta terra nosa, levan séculos desnortados. Cando un se desnorta, pérdese. E cando se perde, adormece. ¿Quen non soña mentres dorme? O soño dos galegos foi atopar a súa realidade (...) O común da nosa xentiña é moderada. E se non a deixan realizar os seus soños, acomódase. Pero non pecha a porta da súa ilusión (...) Nun intre propicio, para pasmo de propios e alleos (...), o pobo de Galicia aproveita o respectuoso anonimato das furnas e vota “galeguismo”. Non importa que sexan de tinguidura máis ou menos radical: o “Bloque” e a “Unidade Galega” (...) parece que avisan que “os tempos son chegados”.

 

A polémica sobre qué cidade debía converterse na capital de Galicia marcou gran parte do debate político e xornalístico durante abril e maio. Era un tema que espertaba reaccións emocionais, sobre todo nunha das cidades implicadas (A Coruña), uns sentimentos que eran potenciados e explotados por algúns políticos. Os xornais galegos, eminentemente locais todos (malia que La Voz de Galicia aspiraba a converterse nunha cabeceira de dimensión e cobertura galegas, a súa postura foi moi claramente de apoio á cidade herculina) tomaron partido por unha ou outra localidade (pola Coruña os xornais coruñeses: La Voz de Galicia e El Ideal, e por Santiago o resto, mesmo El País, a través dos seus corespondentes). Algúns fixérono editorialmente (Faro de Vigo, El Ideal Gallego, El Correo Gallego) e outros non (La Voz de Galicia), e mesmo entre os que defendían a mesma postura existían grandes diverxencias en canto á validez de certas reivindicacións ou actitudes. Durante semanas, a prensa galega encheuse de editoriais, artigos de opinión, cartas ao director, informes de expertos..., procurando cada un defender a súa posición e influír na opinión pública.

O 20 de abril, o Faro de Vigo denunciou editorialmente a postura ambigua de La Voz de Galicia en torno á capitalidade, que cualificou como “As dúas caras de La Voz de Galicia ou La Voz de La Coruña”. Neste artigo, o xornal vigués quería denunciar a diferente postura que mantiña La Voz sobre este tema nas súas edicións coruñesa e viguesa, presentado como proba as páxinas 32 e 33 do día 18 de abril nas dúas edicións, que de feito tiñan contidos moi diferentes: na edición coruñesa un amplo despregue sobre o mitin a prol da capitalidade coruñesa no Kiosko Alfonso; na viguesa, información da cidade olívica.

 

A prensa galega non emprestou demasiada atención ao Estatuto de Autonomía nos primeiros meses do ano. Pola contra, a maior parte dos xornais enredáronse en loitas localistas motivadas polo debate sobre a capitalidade. Curiosamente, este debate axudou a que a sociedade coñecese que se estaba redactando un Estatuto para Galicia. A Comisión dos 16, formada por representantes de todos os partidos agás o BNPG[4] e o PSG, que rexeitaron participar, elaborara un proxecto de Estatuto progresista e á altura dos textos vasco e catalán. Malia os recortes efectuados polas sucesivas comisións dos once e dos nove, dominadas pola UCD, o proxecto presentado nas Cortes seguía contando cun respaldo unánime de case todas as forzas políticas galegas, incluídos os nacionalistas de Unidade Galega. Porén, os dous principais partidos (UCD e PSOE), así como a prensa madrileña, en especial El País, non concibían a autonomía como un dereito dos cidadáns de Galicia, Euskadi e Catalunya. E unha vez que os problemas catalán e vasco foron solucionados, coa aprobación dos seus respectivos Estatutos, centristas e socialistas (co apoio editorial da prensa da capital do Estado) decidiron que chegara o momento de racionalizar o proceso autonómico. E a Galicia, como terceira e derradeira nacionalidade histórica, tocáballe o papel de chivo expiatorio, de exemplo limitador para os restantes territorios. El País publicou daquela unha serie de editoriais sobre o Estatuto galego para afirmar que no noso país non existía un sentimento autonomista e que as pretensións de acadar un Estatuto á altura dos textos vasco e catalán proviñan dos poderes caciquís, que buscaban así perpetuar o seu dominio. O xornal madrileño xa se amosara moi belixerante coas pretensións vascas de que a Constitución recollese unha autonomía de carácter paccionado para Euskadi e Navarra, en base aos dereitos forais destes territorios (López, 1992).

O primeiro deses editoriais (“O Estatuto de Galicia: entre o temor e a ambigüidade”) foi publicado por El País o día 16 de novembro. O xornal defendía no texto a proposta de Estatuto feita por UCD e viña recoñecer entreveadamente a Euskadi e Catalunya como únicas nacionalidades históricas, sen ter en conta o fixado na Constitución. POG, PG e PCG protestaron nunha carta que o xornal madrileño nunca publicou[5], pero o editorial si foi contestado ao día seguinte por outro de El Ideal Gallego, “Galicia humillada”, publicado na súa portada o día 17:

A autonomía de Galicia está en perigo. O rocambolesco proceso que está seguindo o Estatuto galego no Congreso culminou onte coa decisión de aprazar, unha vez máis, o debate do noso texto autonómico (...) Pero quizais o máis indignante que se está producindo é a terxiversación, ante a opinión pública do resto de España, do verdadeiro carácter da reivindicación autonómica galega. Chegar a identificala co mantemento do aparello caciquil para quen loitaron, e mesmo deron a vida, polo autogoberno de Galicia. Cando os insultos desa categoría se aplican a un país secularmente marxinado e oprimido por un poder central (que se servía precisamente dos caciques como intermediarios) e cando poden chegar a salpicar a lembranza de homes como Bóveda, fusilados por defender a autonomía de Galicia, o insulto convértese en provocación.

 

As modificacións que efectuou a Comisión Constitucional nos meses de outubro e novembro de 1979 afectaron a temas fundamentais do Estatuto, como as competencias ou a organización territorial. A transformación máis importante foi a coñecida como Disposición Transitoria terceira (nun comezo, artigo 32.4), que definía a delimitación unilateral por lei das Cortes Xerais nas materias competenciais compartidas, e eliminaba a iniciativa do Parlamento autónomo para a súa cesión, tendo que agardar á vontade (mesmo sine die) do Congreso. É dicir, na práctica, o Estatuto nacía sen competencias, estaba baleiro.

No Congreso modificouse tamén o número de deputados do Parlamento, xa que o artigo 11.5 pasaba a fixar o número de entre 100 e 125 a “entre setenta e oitenta”. Asemade, fixábase un tope mínimo do 3% sobre o censo para que unha lista electoral puidese obter representación no Parlamento[6]. Finalmente, outra das modificacións afectaba á lingua galega: mantiña a cooficialidade de galego e castelán, pero mentres que no anteproxecto dos 16 establecíase o deber de coñecer ambos os idiomas, a Comisión só fixaba a obriga de coñecer o castelán.

 

Afortunadamente, a prensa galega non ficou en silencio. La Voz de Galicia, Faro de Vigo e sobre todo El Ideal Gallego recolleron as críticas das forzas políticas galegas, os manifestos de protesta dos intelectuais e as mobilizacións da cidadanía contra o aldraxe. O propio feito de relatar día a día e artigo por artigo o que se debatía na Comisión Constitucional e nos corredores do Congreso impediulles a moitos políticos realizar un dobre discurso, en Galicia e en Madrid, e obrigou a moitos outros a posicionarse e a pelexar por un Estatuto de primeira categoría. Os xornais chamaron asemade á mobilización, colaboraron na organización dunha Xornada en defensa da dignidade nacional de Galicia e mesmo El Ideal Gallego respondeu aos editoriais da prensa madrileña con varios editoriais.

O 21 de novembro, data na que comezaba o definitivo debate do Estatuto en Comisión, foi o momento elixido por un grupo de 25 intelectuais[7] para publicar nos xornais galegos un manifesto en protesta polo aldraxe. En El Ideal mereceu toda a portada, cun titular a cinco columnas (“Enérxico manifesto de vintecinco intelectuais”) e mesmo El País lle dedicou un despece titulado “Intelectuais galegos protestan pola ‘brutal discriminación’”. O texto do manifesto dicía o seguinte:

Un Estatuto sen contido autonómico é unha farsa, e para nós unha burla. A Constitución recoñece o noso dereito á autonomía. Estrangular ese dereito pola presión de forzas antigalegas é unha agresión política a Galicia. Unha agresión que coma nos tempos pasados, segue manipulando o poder político sen ética democrática.

 

A mañá do día 22, os cidadáns galegos, moitos deles esperando o resultado das negociacións en vixilias[8] organizadas en numerosos Concellos, espertaban cun duro artigo de García-Sabell publicado na primeira páxina de El Ideal Gallego. O artigo, titulado “Galicia”, levantou dos asentos “aos máis descangallados” e “correu de man en man” (Rivas e Gaciño, 1980):

Galicia é unha terra curiosa. Sumamente curiosa. Ten de todo e non ten nada. Posúe unha historia, unha lingua, unha paisaxe, unha cultura, unha psicoloxía, uns costumes, e é igual que se non tivese ren. ¿Por que? Por dúas razóns: 1ª Porque non atina a facer valer as súas propiedades. 2ª Porque non atina a darse a respectar. Ela, tan respectuosa. Tan respectuosa que acepta sempre, que comprende todo, que desculpa todo. E que goza magoándose a si mesma. Ridiculizándose. Ou deixando que o pasa ben coa humillación. Ten a sabedoría do laio, de queixa difusa, constante. E acerta a calar a cada intre.

 

O Estatuto aprobado, valorado moi negativamente polas cabeceiras de Galicia, foi en cambio aplaudido pola prensa da capital do Estado. Por exemplo, El País publicou o día 23 un extenso editorial (136 liñas) sobre o Estatuto galego titulado “A longa noite do Estatuto galego”. O texto culpaba ao Título Oitavo da Constitución de crear “a desmesurada expectativa dunha especie de Estatuto tipo ao que terían dereito, con independencia da intensidade e autenticidade dos sentimentos populares, reivindicacións históricas e necesidades sociais, todos e cada un dos territorios”, e aínda aceptando que as reivindicacións autonomistas de Galicia “non son unha invención”, o xornal aseguraba que:

O movemento nacionalista galego (...) non acadou a implantación popular e a forza social que facían inexcusable unha urxente resposta ás reivindicacións de Catalunya e o País Vasco (...)  A diferenza de Catalunya, a organización galega socialista, non é tanto un partido federado, como o é o PSC respecto ao PSOE ou o PSUC respecto ao PCE, coma unha sección territorial dun partido estatal (...) O carácter maioritario de UCD (...) e a supervivencia dunha Alianza Popular, practicamente extinguida en Catalunya e o País Vasco, son datos que falan por si sos. Para El País o Estatuto de Galicia non ofrece menos competencias que os textos de Gernika e Sau. A única diferenza real non é substancial, senón de procedemento. E pregúntase ¿É un insulto á dignidade do pobo galego (como se chegou a dicir) que sexan as Cortes as responsables desa tarefa (a atribución de competencias). No caso do Estatuto de Galicia, o traxe é da mesma talla que o encargado por cataláns e vascos. Porén, a circunstancia de que no sexa idéntica a forma de repasar os ganduxos provocou reaccións dunha clara demagoxia oportunista (...) A Disposición Transitoria Terceira evitará eventuais manipulacións dos caciques, en tratos a porta fechada.

 

 

Conclusión:

Con todo, débese concluír que durante a Transición a prensa galega só contribuíu ao proceso de construción identitaria de Galicia en momentos moi determinados e en función dun cálculo estratéxico de intereses, e que estas achegas só foron claras nalgunhas cabeceiras, como La Voz de Galicia ou El Ideal Gallego. Porén, a inercia do cambio político, a presión de certos actores sociais e mesmo o esforzo particular de moitos xornalistas comprometidos acabaron forzando aos medios a aceptar os novos discursos e realidades e a reflectilos nas súas páxinas, o que foi determinante para a consolidación destas mudanzas e para a aceptación xeral da democracia, a autonomía e a identidade colectiva galega.

 

           

            Bibliografía:

 

ÁLVAREZ POUSA, Luís (1999). Prensa ameazada en Galicia: da Transición ó Fraguismo. Santiago: Lea.

BELL, Daniel (1991). El advenimiento de la sociedad post-industrial. Madrid: Alianza Universidad.

BERGER e LUCKMAN, P (1984). La construcción social de la realidad. Buenos Aires: Amorrortu.

BORRAT, Héctor (1989). El periódico, actor político. Barcelona: Gustavo Gili.

CAMPOS, Francisco (1993). A reconversión da prensa en Galicia (1982-1992): A transformación das estruturas empresariais e profesionais do sector. Tese de Doutoramento. Facultade de Xeografía e Historia. Universidade de Santiago de Compostela.

DE FLEUR, M.L. e BALL-ROKEACH, S (1982). Teorías de la comunicación de masas. Barcelona: Paidós Comunicación.

HABERMAS, Jürgen (1987). Teoría de la acción comunicativa. Barcelona: Taurus.

IMBERT, Gerard (1990). Los discursos del cambio: Imágenes e imaginarios sociales en la España de la Transición (1976-82). Madrid: Akal.

KLAPPER, Joseph (1974). Efectos de las comunicaciones de masas. Poder y limitaciones de los medios modernos de difusión. Madrid: Aguilar.

LÓPEZ, Susana (1992). La prensa vasca en la transición. Bilbao: Serv. de publicaciones UPV.

LUCA DE TENA, Gustavo (1990). “Da empresa política á política de empresa”. En Informe da comunicación en Galicia, Santiago: Consello da Cultura Galega.

MÁIZ, Ramón (1997). A idea de nación. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

MÁIZ, Ramón (2004). Identidade colectiva e medios de comunicación. A Coruña: Fundación Santiago Rey.

NOHLEN, Dieter e FILGUEIRA, Carlos (1994). Prensa y Teoría democrática: Experiencias recientes en Europa y América Latina. Madrid: Iberoamericana.

PYE, Lucien W (1963). Communications and political development. New Jersey: Princeton University Press.

RENAUDET, Isabelle (2003). Un parlement de papier: La presse d'opposition au franquisme durant le dernière decennie de la dictadure et la transition democratique. Madrid: Casa de Velázquez.

RIVAS, M. e GACIÑO X.A (1980). Informe dunha frustración. A Coruña: Ed. do Rueiro.

SAMPEDRO BLANCO, Víctor (2003). La pantalla de las identidades: medios de comunicación, políticas y mercados de identidad. Barcelona: Icaria.

SÁNCHEZ NORIEGA, José Luis (1997). Crítica de la seducción mediática. Madrid: Tecnos.

VV.AA (2000). 25 años después: memoria gráfica de una transición. Madrid: Fundación Telefónica.

 



[1] Unidade Galega, coalición formada polo Partido Obreiro Galego (POG), Partido Socialista Galego (PSG) e Partido Galeguista (PG).

[2] Partido Galego do Proletariado.

[3] Entre os asinantes atopábanse Ramón Piñeiro, Domingo García Sabell, Isaac Díaz Pardo, Marino Dónega, Xosé Ramón Barreiro, Agustín Sixto Seco, Andrés Torres Queiruga, Uxío Novoneira, Roberto Vidal Bodaño, Celestino Fernández de la Vega e os xornalistas Víctor Freixanes, Luís Álvarez Pousa, Xosé A. Gaciño, Gustavo Luca de Tena, Ánxel Vence, Fernando Ramos ou Perfecto Conde.

[4] Bloque Nacional-Popular Galego.

[5] O texto si foi publicado por La Voz de Galicia o 18 de novembro. Nel, os partidos afirmaban que o editorial entraba “de cheo no terreo da vexación e o aldraxe ao pobo galego”. Asemade acusaban a El País de ignorar “que a actual situación de marxinación cultural e subdesenvolvemento do pobo galego, é un produto típico do centralismo” e de esquecer que a Disposición Transitoria Segunda da Constitución incluía tamén a Galicia.

[6] Esta medida non existía nos estatutos vasco e catalán, xa aprobados, e no caso galego era aínda máis lacerante pois o feito de facer o cómputo sobre o censo de votantes e non sobre o número de sufraxios emitidos, e cuns niveis de abstención próximos ao 45%, convertía o límite nun 6% real do votos emitidos, unha cifra moi alta que prexudicaba, sobre todo aos partidos á esquerda do PSOE e ao nacionalismo, dividido.

[7] O manifesto foi asinado por García Sabell, Parga Pondal, Vidal Abascal, Fermín Penzol, Rafael Dieste, Blanco Amor, Paz Andrade, Manuel Colmeiro, Chamoso Lamas, Fernández del Riego, Díaz Pardo, Marino Dónega, Ánxel Fole, Cunqueiro, Ramón Piñeiro, Fernández-Albalat, Carvalho Calero, F. Guitián Ojea, C. Fernández de la Vega, Xaquín Lorenzo, Antonio Fraguas, Sixto Seco, Fernández Albor, Torres Queiruga e Benxamín Casal.

[8] O texto foi finalmente aprobado ás oito e dez da mañá do 22, tras toda unha noite de negociacións.